Actualidade Anthem recibe a actualización Cataclismo e busca sobrevivir

Anthem recibe a actualización Cataclismo e busca sobrevivir

Boas novas para os usuarios que percorren o mundo que ofrece Anthem. BioWare publicou este mércores 7 de agosto a agardada actualización Cataclismo, que xa está dispoñíbel para a súa descarga. Chega tras un par de meses de espera, atrasos e bastantes polémicas.

A versión 1.3.0 de Anthem fai a súa aparición coa idea de implementar un bo número de melloras, algunhas delas son cambios que os xogadores levan pedindo desde o lanzamento do xogo, o pasado mes de febreiro.

Que é Cataclismo? Trátase dunha enorme cantidade de contido extra para Anthem. O seu obxectivo é alongar a vida útil da obra de BioWare, e proporcionar aos xogadores novos motivos para seguir premendo os botóns. Así, o endgame verase mellorado e implementarase unha nova zona por explorar e, como non, lootear. Ademais, o equipo responsable do desenvolvemento do videoxogo editado por EA, tamén implementou novos fenómenos atmosféricos e climáticos, xunto a liñas argumentais inéditas.

Unha nova economía virtual

Cataclismo tamén trae consigo unha nova divisa; en realidade dúas: os cristais principais e os cristais menores. Segundo a propia BioWare, os principais conséguense como recompensa en misións e desafíos, mentres que os menores obtéñense a medida que xogamo e poden ser usados para comprar cristais principais, cofres de guerra e accesorios.

progresión do xogador tamén mellorará con cambios nos roles, evolucións nos equipamentos, armaduras, elementos para desbloquear en cada especialista e armas. Anthem incorpora tamén nesta actualización ademais unha nova tenda que posúe un escaparate con novos artigos para o combate corpo a corpo, inimigos, recompensas, puntuacións e clasificacións.

Afondando nos arcos argumentais, haberá tres novas misións a completar. A primeira delas ten por nome A punta da Lanza, e presenta ao gran mestre Adams, que chegou ao Forte Tarsis preocupado pola relación entre o Dominio e unha potente tormenta que necesita ser investigada. A segunda misión traerá a un vello inimigo de volta, mentres que na derradeira, xunto a outros libranceros, deberemos penetrar nese cataclismo que dá nome á actualización para así detelo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.