Actualidade Anunciado Cyber Shadow, o novo proxecto dos creadores de Shovel Knight

Anunciado Cyber Shadow, o novo proxecto dos creadores de Shovel Knight

Yacht Club Games vén de revelar na PAX East 2019 a súa nova obra, Cyber Shadow. Trátase dun plataformas de acción con estética 8 bit protagonizado por un ninja. Chegará para Nintendo Switch, Xbox One, PS4 e PC.

O título foi desenvolto por Mechanical Head Studios e será editado pola compañía anteriormente nomeada. O adianto audiovisual mostra certas similitudes con Shovel Knight na forma de recrear as súas secuencias animadas, os efectos meteorolóxicos, así como os deseños dos fondos dinámicos dos niveis.

Aínda que non se ofreceu unha data exacta, si se sabe que chegará este mesmo ano e contará cun prezo de saída de 14,99 dólares. Nel teremos a máis dunha ducia de xefes finais que derrotar, diversas habilidades que aprender e certo toque roleiro co que ir facendo máis forte ao noso protagonista.

«O mundo foi tomado por formas de vida sintéticas. Unha desesperada petición de axuda pon a Shadow nunha viaxe para descubrir que foi o que iniciou o camiño cara á ruína perpetua. Percorre as hordas de tecno, salta por riba das trampas e navega axil polas ruínas de Mekacity», reza a súa sinopse.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *