Anunciado Hyper Light Breaker, un novo xogo ambientado no universo de Hyper Light Drifter

Heart Machine anunciou hai uns días Hyper Light Breaker, o seu novo xogo ambientado no universo de Hyper Light Drifter.
O certo que foi un tanto sorpresa. O novo título apareceu listado en Steam e presenta Overgrowth, o territorio no que se desenvolve a aventura. Fálase dun mundo «en caos» con «misterios que resolver, feros inimigos cos que loitar e contornas totalmente 3D para explorar». A mobilidade por este territorio semella que será unha das claves do xogo, pois teremos á nosa disposición un hoverboard, unha planeadora e a posibilidade de correr polas paredes.
Os seus responsábeis semella que queren crear un sistema de xogo bastante fondo, con combinacións entre armas e obxectos na procura de builds únicas para cada run e cada xogador. Tamén a narrativa apunta a que será cambiante. Por suposto, sairá en PC, mais aínda é cedo para saber se contará con versións de PS5 ou Series X|S. Edita Gearbox.
O certo é que Heart Machine ten unha carreira interesante. Logo de Hyper Light Drifter chegou Solar Ash e agora no horizonte aparece esta obra. Como curiosidade dicir que Solar Ash segue a ser exclusivo de Epic Games Store, polo que a presencia en Steam deste novo título, aínda por saír, pode ser motivo de certo ruxe ruxe.