Actualidade Anunciado un novo xogo da franquía BioShock

Anunciado un novo xogo da franquía BioShock

Era un segredo ben gardado, pero 2K Games quixo compartilo co mundo. Si, xa hai un novo BioShock en camiño. A distribuidora americana vén de anunciar a creación dun título que carece de nome oficial aínda, pero que desde agora, e até novo aviso, designaremos BioShock 4.

O anuncio produciuse durante a presentación de Cloud Chamber, o novo estudio interno da editora, encargado tamén do ansiado proxecto. O xogo, que se atopa na súa fase inicial de desenvolvemento, apunta a un lanzamento para a seguinte xeración de consolas, é dicir, PlayStation 5, Xbox Scarlett e PC.

Malia que se trate dun estudio debutante, de creación recente, hai que desterrar a idea de traballadores sen experiencia ou currículo. Dous dos nomes que figuran dentro do seu cadro de persoal son: Kelley Gilmore, directora xeral da empresa, asociada a nomes como Civilization e XCOM; e Ken Schachter, con experiencia en estudos como Zynga ou Trapdoor. Por suposto, tamén hai deseñadores e desenvolvedores vinculados a entregas precedentes da franquía. Segundo apuntas medios internacionais, o estudio só está centrado neste título, dedicándose de maneira exclusiva ao seu desenvolvemento.

«Fundamos Cloud Chamber para crear mundos por descubrir, así como as historias que conteñen, que vaian máis aló das fronteiras do posíbel no medio dos videoxogos», sinala Gilmore. «O noso equipo cre na beleza e a forza da diversidade, tanto na composición do estudio como na natureza da súa filosofía. Somos un grupo sumamente experimentado de creadores de videoxogos, no que se inclúen varios responsábeis da creación, o desenvolvemento e a coñecida notoriedade de BioShock. É unha honra formar parte da familia de 2K e velar por esta emblemática franquía».

Desde Cloud Chamber comprométense a crear unha «historia irresistíbel», que non defraudará aos seguidores máis acérrimos. A sombra de Ken Levine, mente mestra da obra orixinal, é alongada, por iso prometen crear un universo tan traballado e fondo coma o seu. Que significa isto? Paciencia. Isto non se fará nun día.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] No ano 2017, Irrational Games pasou a chamarse Ghost Story Games, con Ken Levine á fronte. Desde entón, a empresa, formada por 25 persoas, atópase traballando nun videoxogo do cal apenas coñecemos detalles e do que se espera que continúe a liña establecida por BioShock. O tempo dirá. Hoxe, xa sabemos que 2K Games abriu a porta da cuarta entrega. […]