Apex Legends estrea tempada, lenda e o seu primeiro pase de batalla
Aínda que se contaba coa súa chegada o 12 de marzo, semella que Respawn Entertainment preferiu retelo nas oficinas unha semana máis. Para que osixenase. O primeiro pase de batalla de Apex Legends, co que se inicia tamén a súa primeira tempada, aterra este martes 19 de marzo en todas as plataformas. Leva por título Fronteira salvaxe. Que contén? Que misterios haberá? Pode ser a miña gran partida?
O pase de batalla poderase adquirir a partir das 17 horas (hora peninsular) de dúas maneiras diferentes. Unha primeira, a cambio de 950 moedas Apex, e unha segunda gastando 2.800 moedas Apex. Esta moeda virtual pode adquirirse na tenda oficial de Electronic Arts, Origin. Como é habitual neste tipo de servizos, o pase de batalla permite obter diferentes recompensas a medida que vaiamos xogando. Neste caso, ata máis de 100 obxectos únicos, só desbloqueables para aqueles que decidan facerse con el. Unha vez finalice a tempada, os obxectos quedarán no inventario para seguir sendo utilizados polo usuario.
A segunda opción de compra desbloquea os primeiros vinte e cinco niveis do pase de maneira instantánea. O resto deberán subirse á vella usanza: xogando e, a poder ser, gañando. Doutra banda, se adquirimos o pase mediante calquera opción, obtéñense tres estilos únicos para Wraith, Lifeline e Mirage, relacionados coa temática do evento.
Octane, a lenda que xa se esperaba
«Inadaptados, marxinados, trotamundos e estafadores: nos Apex Games todos son benvidos. Non perdas de vista o ceo porque chega unha nova lenda aos Apex Games, Octane». É a descrición que Respawn fai do novo personaxe que se unirá durante esta primeira tempada ao equipo de lendas.
Octavio ” Octane” Silva, trátase dun tipo áxil coma poucos, con pernas mecánicas porque «llas voou» nunha carreira. Iso si, bateu o récord. Como non podía ser outra maneira, as súas habilidades están enfocadas cara ás melloras no movemento, achegando un dinamismo e unha rapidez ás partidas aínda maior. Coa súa habilidade activa, Adrenaline Junkie, permítese o luxo de consumir parte da súa saúde, un 10 %, a cambio recibe un incremento do 30 % na súa velocidade durante 8 segundos. Haberá que aproveitalos ben. Para compensar este “roubo” de vida, a súa pasiva, Swift Mend, permítelle restaurar a súa saúde cando non se atopa baixo ataque inimigo. Por último, a súa habilidade definitiva, o Launch Pad, permite colocar sobre o terreo un punto de salto vertical para gañar unha clara vantaxe e sorprender aos rivais. Pode ser usado por todo o equipo e tamén fai rebotar diversos obxectos como granadas.