Análises Apex Legends. O novo reino dos battle royale

Apex Legends. O novo reino dos battle royale

Lembro descubrir PeliculasYonkis (podo trabucarme con outro nome similar da época) alá polo 2008. Comezaba unha nova era, a de ver os filmes en streaming. Claro que por aquel entón un non podía intuír a onda que se aveciñaba de contido dixital a escala global e que nos anos seguintes acontecería.

Na miña cama santiaguesa, case cada mañá, nun acto lamentable de non asistencia a clase de Química Analítica escusándome na choiva intensa que arroxaban as nubes, repasaba a listaxe de películas que se ían colgando para o gozo do persoal. Era un catálogo limitado, temperán, pero máis que suficiente para tirarse de cabeza ás fauces da sétima arte. E non sei quen devorou a quen. Un día apareceu nesa matinal portada de novidades Battle Royale, a cinta xaponesa dirixida por Kinji Fukasaku, adaptación da novela homónima. Ao parecer era unha peli de culto. Eu, nin puta idea, claro, pero cando anos despois apareceu a saga dos Xogos da fame, a vaidade facía acto de presenza e pensaba: “isto eu xa sei de que vai”.

Alumnos da clase 3-B, elixida para participar no Battle Royale anual aprobado polo goberno xaponés da cinta orixinal.

A estas alturas da vida todos sabemos, máis que probablemente que o xénero de videoxogos tomou o seu nome da obra xaponesa. A premisa é a mesma: unha illa ou península, un grupo de xente, o  último que quede en pé gana. Fácil, sinxelo e para toda a familia. Hoxe, Google, xa pon primeiro ao xénero dixital antes que á película nos seus resultados. É normal. Os battle royale arrasaron coa industria.  O que empezou sendo un mod de Arma 2, H1Z1 e outros títulos cun acceso anticipado infinito derivou no primeiro xogo ideado baixo esta premisa: PlayerUnknown’ s Battlegrounds. Logo veu Fortnite e adeus a toda unha xeración de coñecidos e amigos aos que durante dous anos non volvemos ver o pelo agás á hora da cea e pouco máis.

 Fornite converteuse na auténtica galiña dos ovos de ouro da industria do videoxogo

A cuestión é que ao longo dos últimos dous anos, o título de Epic Games foi unha especie de Santo Graal ou, máis ben, a auténtica galiña dos ovos de ouro da que falaba Esopo na súa fábula grega. Millóns de xogadores e miles de millóns de dólares. Alí, sobre o seu trono, os personaxes de Fortnite bailaron e bailan sobre montañas de billetes e usuarios. Merecidamente, para que negalo.

Cando un título é tan poderoso, calquera intento de rebelión contra el, ou de competencia directa, adoita acabar en nada. Se se repetiu un titular destinado ao fracaso máis evidente ao longo dos últimos meses este foi o de: “Treme Fortnite, chegou o teu substituto”. Pero ao final este nunca chegaba. Quizais puxera mal a dirección en Google Maps ou pode que non houbera baixa que cubrir.

Rodeos aparte, o éxito incontestable no tempo do título de Epic pode deberse a que realmente os seus rivais non podían facer nada contra el. Ben porque eran demasiado similares, e para iso un queda onde está; ben porque eran de pago, ou ben porque aínda ninguén estaba aburrido de xogar a Fortnite. Todo muta.

Apex Legends lembrou á industria unha premisa moi clara: os battle royale aínda teñen moito que dicir.

Apex Legends apareceu da nada. Unha xogada absolutamente maxistral por parte de EA e Respawn Games. O aforro completo de calquera comentario negativo ou comparativo previo á súa saída. Chegou un luns e á semana seguinte xa tiña vinte e cinco millóns de xogadores. Un récord que lembra o poder de convocatoria da industria do videoxogo: demencial. A pesar do introducido anteriormente, vaia por diante unha idea. É evidente que Apex Legends non quere competir estritamente con Fortnite. O seu estilo de xogo é tan diferente, do mesmo xeito que o seu apartado gráfico e mecánicas, que calquera comparación é pura anécdota, aínda que figuren nese mesmo xénero de raíz xaponesa. De existire un competidor directo ese sería CoD: Black Ops 4, e esa vitoria xa a gañou. É imposible manter unha comunidade real cun xogo que ten data de caducidade anual. O intento de Activision foi meritorio, pero faltoulle ser gratuíto e ter verdadeiros plans de futuro.

 Apex Legends foi descargado por 25 millóns de xogadores. É o maior éxito de Electronic Arts en anos.

Afondar nun título como Apex a día de hoxe ten demasiados matices, moitas arestas a ter en conta debido ao seu carácter poliédrico. É un proxecto non inacabado, pero que deberá sufrir unha evolución que a día de hoxe intúese, pero que á vez é un misterio. Non é descartable que no verán teña que revisar estas liñas e responder algunhas das preguntas básicas que aquí irán asomando.

Respawn lanzou ao mercado un produto moi coidado. Polo menos máis coidado do que os xogos servizo nacen ultimamente. Sen excesos gráficos, loce ben. Os seus sons, voces e efectos convencen. É divertido? Moito. As preguntas reais que sobreevoan este battle royale son máis de corte económico. Conseguirá ser o seu pase de batalla / estacional atractivo para os xogadores? Que incluirá? Está equilibrado o seu sistema de cosméticos de fronte ao futuro? Cada canto cambiará o mapa? Ou haberá mapas completamente novos? Mellorarase o matchmaking cara a un máis profesional? E só unha moda?

Cada partida empeza cunha idea moi sinxela pero moi enraizada na cabeza: ti podes ser o gañador.

Todas elas son preguntas que o xogador de Apex Royale xa tivo na cabeza, seguramente. Un servidor leva, ao tempo que escribe estas liñas, unhas sesenta horas adicadas ao xogo. Nunca sentín aburrimento. Punto positivo. Aínda que si notei, ás veces, a falta de algo. Quizais ese punto de inxustiza de verme emparellado con alguén chegado recentemente, con dúas partidas. Feito compensado noutra partida con alguén infinitamente mellor ca min. O yin e o yang.

A aposta polo formato de escuadrón obrigatorio ten máis beneficios que males. Polo menos, por agora. Si, é certo que o código do xogo parece incluír máis modos, pero a día de hoxe, este é o único que hai. Obriga ao xogador a traballar en equipo, e facelo en base a unhas habilidades ben equilibradas, permitindo que até o que posúe unha puntería desastrosa poida sentirse útil durante a partida. Quizais non mates a ninguén, pero polo menos reviviches ao teu tirador estrela. It’ s something, que diría o vello meme.

A aposta por ser un hero shooter é o gran acerto de Respawn. Poñelo de balde, tamén. Oito personaxes, dous sen estar dispoñibles dende o inicio. Necesítanse unhas sesenta horas para telos a ambos sen meter nin un euro (se xogas en grupo menos, xa que en compañía a experiencia sobe de maneira máis rápida). Pode parecer moito, pero xuro que no meu caso foron un suspiro. Polo camiño tamén se irán desbloqueando decenas de cosméticos sen impacto na partida. Calquera indicio de pay to win está descartado. Non quita, iso si, que os prezos da tenda sexan un tanto excesivos, máis aínda se se comproba que a maioría dos deseños son… mellorables. O noventa por cento é simplemente un cambio de cor.

Oito personaxes, dous deles bloqueados nun principio. Son necesarias entre 40 e 60 horas para conseguilos de maneira gratuíta.

Dentro do Canón dos Reis case todo funciona ben. Hai algún que outro bug, algún xa corrixido, como o da nave que sobrevoa ao comezo da partida o mapa (se morrías e un compañeiro trataba de salvarte quedabas suspendido no aire, ou caías ou… cousas raras), pero é posible atoparse algunha que outra cousa estraña. En xeral son menores, e tendo en conta a natureza do título, se che fan perder unha partida ao momento buscas outra. O trauma dura moi pouco.

Mecánicas como a de revivir aos compañeiros son especialmente funcionais e demostran a súa validez dentro do xénero, até o punto de ser este un dos elementos máis forte e orixinal de Apex Legends (aínda que xa estivese presente en Realm Royale, por exemplo). Os xogadores valoraron tan positivamente esta mecánica que Epic Games xa declarou publicamente que estudiaría incluíla dentro de Fortnite. Se algo funciona, asúmelo e #implantar. Sen medo. De igual maneira, o sistema de marcado de elementos do mapa, inimigos, accións, etc… Cun só botón, é un sistema para exportar a calquera título multixogador.

O título de Respawn Entertainment funciona de maneira excelente, sen ser un alarde técnico. Asegura decenas de horas de diversión mesmo a aqueles que non sexan uns mestres dos FPS ou os shooters

Lonxe de estar esgotada, a fórmula battle royale volveu pasar o recoñecemento médico con nota. Sen arterias atrofiadas que impidan a chegada masiva de público e sen engurras na súa premisa inicial de xogabilidade. O tema non era competir con Fortnite e roubarlle o cetro real, a cuestión era seguir camiño e fundar outro reino uns quilómetros máis aló.

8.5

O mellor

  • O seu ritmo frenético durante case todas as partidas
  • O sistema de marcado de obxectivos, inimigos e obxectos é ouro
  • A capacidade de refrescar a escena dentro do xénero battle royale
  • Divirte aínda que un non sexa un amante ou xogador habitual de FPS

O peor

  • Os prezos da tenda dixital
  • Algúns glitches menores que deben ser corrixidos
  • Ter que esperar para ver a súa evolución real ao longo de todo este ano
Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

2Comentarios
    • GreyWolf
    • En: 24 de Febreiro de 2019

    Antes de nada parabens por achegarnos á comunidade gamer galega unha analise tan clara e na miña opinión realista dun dos xogos de actualidade que chega con toda a pinta de ser un esencial dos nosos SSD.
    Penso que Apex saiu o mercado cunha estratexia moi clara e cunha xestion do seu marketing sobre todo na onda do streaming moi intelixente… en pleno 2019 foron moi conscientes dás comunidades as que se dirixen e do tipo de publico que teñen que conquistar.
    Dende a miña perspectiva hay un fenómeno fan que marca indiscutiblemente a repercusion dos xogos ou cando menos (lamentablemente) o éxito que van ter e Apex soupo invertir na movilización dos pilares da comunidade streaming para a consecución do éxito que xa adquiriu.
    Ben e certo que este factor solo interfire no aterrizaxe e que de non conseguir arraigar por méritos propios de nada servirá toda a inversión estratéxica realizada pero todo apunta a que detrás de este proxecto hai persoas que teñen moi claro o camiño que toca andar, escoitar a comunidade e darlles exactamente o que reclaman foi parte do indiscutible éxito de fornait e de seguro que Apex soupo tomar boa nota.
    Un saudo dende Compostela!

    Responder
Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *