Actualidade Arale aparecerá en Dragon Ball Z: Kakarot nunha actualización gratuíta

Arale aparecerá en Dragon Ball Z: Kakarot nunha actualización gratuíta

Dragon Ball Z: Kakarot está a ser un éxito entre o público, que ve neste RPG unha forma de revivir un dos maiores fenómenos da animación da nosa era. Bandai Namco sabe do seu potencial, por iso anunciou  hai unhas horas que ampliará o seu contido aos poucos. Si, Kakarot irá recibindo novo contido mediante actualizacións gratuítas. Polo menos, a curto prazo, esa é a idea.

Segundo revelou unha das conta de Twitter da editora, unha cadea de misións que terá como protagonistas a Arale e Gatchan será engadida máis pronto que tarde. Que quen é Arale? Unha lenda proveniente doutra das obras de Akira Toriyama, Dr. Slump, que tamén tivo o luxo de aparecer nalgún que outro episodio do Dragon Ball orixinal.

Outra das sorpresas que Bandai Namco preparou é a posibilidade de utilizar a máquina do tempo de Trunks. Grazas a esta máquina os xogadores poderán viaxar a outras épocas pasadas e cumprir misións ou obxectivos secundarios que quedaran pendentes durante o transcurso da campaña principal. E si, claro, completar todo un arco argumental se un quere.

A mala nova? A compañía non especificou a data na que estarán dispoñíbeis estes contidos. Haberá que supoñer que será pronto.
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.