ARK: Survival Evolved expande o seu mundo con Valguero

Este mesmo martes, ARK: Survival Evolved verá ampliado o seu horizonte. Como? Ao grande, con Valguero, a nova expansión que publica Studio Wildcard e que trae consigo un novo mapa de máis de 63 quilómetros cadrados inéditos e orixinais. Novas terras que descubrir e novas aventuras que elixir.
Até oito biomas, cada un co seu clima e os seus perigos, preséntanse nesta nova actualización. Os xogadores poderán explorar ruínas, sabanas, zonas de lava ou cantís, entre outras paraxes. Como non, en cada unha delas haberá unha area con xefes todopoderosos aos que facer fronte nunha serie de combates.
Nestas novas terras habita o Deinonychus, o novo terópodo con plumas. Segundo indican os creadores do título, a súa enorme axilidade e velocidade permítenlle saltar dunha parede a outra até atopar o punto adecuado desde o que atacar. E non creas que ten medo a outras criaturas máis grandes, esta besta do Cretácico non se amedrenta.
Se queres ver o aspecto de Valguero, a continuación tes o adianto en vídeo da expansión. A partir de hoxe, calquera dono dunha copia de ARK: Survival Evolved poderá descargala de balde.