Artifact, o xogo de cartas de Valve, xa está dispoñible

É ben sabido que Valve non é unha compañía especialmente coñecida polo seu volume de videoxogos creados, aínda que si o é polo acerto á hora de darlles forma: Portal, Half-Life, Dota 2, CS: GO… Só por iso, Artifact merece máis que unha mirada. A espera foi longa dende o seu anuncio, pero por fin o título de cartas pode ser mercado dentro da plataforma de Steam.
Aínda que nunha semana é máis que probable que chegue a análise como tal a Morcego, conviría ir sinalando algúns puntos de interese sobre Artifact, sobre todo para aquel que senta curiosidade sobre o xogo e estea a pensar en adquirilo.
O proxecto de Valve chega a un mercado incriblemente competitivo, onde o HearthStone de Blizzard parece acaparar a gran maioría de miradas e xogadores. Probablemente mantéñase esa hexemonía, aínda que a proposta de Artifact xa chamou a atención de propios e estraños, e non poucos profesionais do título de Blizzard probaron e opinaron positivamente da súa nova competencia. Nese sentido, destacar que foi deseñado por Richard Garfield, creador de Magic: The Gathering.
Que achega Artifact? É a gran pregunta. E a resposta non é simple, aínda que poida resumirse en: “máis profundidade e variedade ca maioría”. A propia formulación do xogo supón unha evolución respecto a outros títulos similares. Aquí temos tres liñas, tres taboleiros diferentes, deixando moi clara a súa inspiración en Dota 2, o famoso MOBA da propia compañía. Top, mid e bot. Cada liña ten as súas propias quendas e as súas estratexias, polo que en certo xeito o usuario está a botar tres partidas simultáneas. Pode ser complicado ao principio, pero pronto se lle colle o truco.
Si, o novo de Valve presume de complexidade. É sinxelo de gozar, pero á vez zumega estratexia e diversidade. Da verdadeira gana de ver e comprobar os mazos que os profesionais poderán confeccionar unha vez avancen nas súas mecánicas.
Como se gaña? Cando un xogador destrúe dúas torres (gaña dúas liñas) ou unha torre e o ancestro. As torres teñen 40 de vida, o anceestro 80, e sae no mesmo lugar no que destruímos a primeira torre. Na práctica, parece máis sinxelo alcanzar a vitoria da primeira maneira, aínda que depende de moitísimas variables.
Cada xogador ten cinco heroes no seu mazo, o cal se completa con cartas de críptidos (criaturas), maxias e obxectos. Explicar as regras na súa totalidade podería ser un tanto difícil, máis aínda cando hai outras alternativas dixitais como Xataka, na que xa se fixo un excelente labor á hora de resumir as súas mecánicas. Preguntamos en Twitter a posibilidade de facer un vídeo sobre todo isto… Informaremos da decisión final pero esperamos poder subilo.
En certo sentido, a gran dúbida que alberga Artifact vén dada pola posibilidade de converterse nun Pay to Win (P2W). Valve xa habilitou a venda de cartas no seu propio mercado, o que en principio debería evitar prezos desorbitados, aínda que non establece ningunha prohibición ou límite de prezo. Nas próximas semanas comprobarase ata que punto é real este medo, aínda que se antollaría estraño que a empresa norteamericana non pensase xa en algo para equilibrar este apartado. De momento, o prezo de Artifact é próximo aos 18 euros. Inclúe dous mazos xa construídos e 10 sobres para abrir. Cada sobre extra custa 1,75 euros.