Actualidade As mil millóns de armas de Borderlands 3

As mil millóns de armas de Borderlands 3

O soño dunha noite de verán. Os rumores que durante anos voaron sobre as oficinas de Gearbox Software materializáronse en realidade. Borderlands 3 sairá en PlayStation 4, Xbox One e PC.

Durante a conferencia do estudio de desenvolvemento de videoxogos que ofreceu na PAX East 2019 de Boston, a cuarta entrega da saga Borderlands deixouse ver a través dun bo adianto audiovisual. Personaxes coñecidos, pero tamén novos, paseáronse para o deleite de todos os que ansiaban a confirmación.

O tráiler fixo públicas as caras dalgúns dos posibles viláns da aventura.

Ao parecer, neste novo capítulo a acción non se cinguirá a un só mundo, senón a varios. Desertos, paraxes nevadas, selvas, cidades… Decenas de contornas nos que disparar e lootear, os dous elementos que configuran e definen a franquía Borderlands.

Os seus creadores avisan: haberá mil millóns de armas. Unha cifra astronómica que aínda que soe a hipérbole serve de advertencia. Por haber, haberá até un fusil con pernas que dispara mentres corre polo escenario. Tamén dispoñeremos de diferentes clases de personaxes ou clases, cada unha con habilidades concretas e únicas segundo amosou o vídeo.

A saga Borderlands naceu en 2009 para PlayStation 3 e Xbox 360. Tres anos despois lanzouse unha nova entrega tamén en PS4 e PC, e en 2014, unha “presecuela” para todas as plataformas. Ademais da presentación de Borderlands 3,  Gearbox aproveitou o seu paso por Boston para anunciar tamén Borderlands: GOTY Edition, tanto para  PC como para PS4 e Xbox One, unha remasterización que trae consigo resolución 4K e HDR, ademais de todos os contidos extra do título orixinal. Así mesmo, Borderlands: Unha colección moi guapa recibirá unha actualización de balde que achega unha compilación de texturas Ultra HD para  Xbox One X, PlayStation 4 Pro. Os dous lanzamentos produciranse o 3 de abril.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de Carne
    • En: 31 de Marzo de 2019

    Haberá que contalas…