As seis caras de Night City

As seis caras de Night City

CD Projekt RED continúa, aos poucos, avanzando detalles sobre Cyberpunk 2077. A súa é unha carreira de fondo coa idea de deseñar un dos RPG máis ambiciosos da historia. Unha experiencia inmersiva e enorme que se desenvolverá na urbe de Night City. Un dos seus obxectivos? Deseñar a cidade máis realista e vasta que a industria do videoxogo coñece.

Miles Tost, deseñador de niveis do título, teno claro. Esta semana, nunha charla concedida a GamingBolt, ofreceu diversas aclaracións sobre os escenarios do xogo, definíndoos como únicos e moi diferentes entre si.

Segundo o deseñador, cada distrito do xogo en Night City terá a súa forma de ser,a súa vida e a súa maneira de relacionarse co resto da megalópolis. Seis tipos de cultura plasmadas en seis arquitecturas diferentes que o xogador poderá percorrer á espera de sentir e percibir experiencias totalmente cambiantes en cada unha delas.

Após desa diferenciación tan clara, Tost tamén quixo puntualizar que á marxe da mesma, haberá unha combinación “correcta”, a través “dun mundo consistente e un medio ambiente crible”. A procura dunha harmonía total, sen cambios bruscos ou excesivos. En Night City non haberá só rañaceos que oculten o sol durante o día ao proxectar a súa sombra sobre as rúas, tamén haberá zonas máis rurais e mesmo de corte turístico, como Pacifica, unha zona radicalmente distinta aos suburbios.

“A cidade terá seis distritos que serán únicos en si mesmos, na súa cultura e na súa atmosfera, tamén na xente que deambula por eles e os problemas que encaran no seu día a día”, sinalou o deseñador.

Con todas estas ideas sobre a mesa, queda claro que o xogador poderá vivir historias propias e coidadas en cada un destes seis barrios, achegando unha boa diversidade ao desenvolvemento da aventura, algo que seguro fará crecer de maneira insospeitada o lore de Cyberpunk 2077 e o seu mundo.

Iso si, o estudoo polaco négase a achegar ningún novo dato sobre o lanzamento do seu novo videoxogo. Se temos en conta a súa aposta pola actual xeración, non sería desatinado intuír un gran anuncio en forma de data de lanzamento no próximo E3, terreo que o título xa conquistou o ano pasado cun adianto audiovisual.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados