Así é a edición de Animal Crossing: New Horizons para Nintendo Switch

Cando algo é bonito, hai que dicilo. Sobre todo cando é tan vistosa comoo a edición de Nintendo Switch con temática sobre Animal Crossing: New Horizons. Poderemos mercala a partir do 20 de marzo, data oficial do lanzamento do título, e incluirá o código de descarga para o xogo. Os motivos e elementos dos simpáticos personaxes da franquía ocupan por completo á consola, polo que é unha compra segura para os seguidores da saga.
En primeiro lugar, atopámonos co dock —a base de carga— que se modificou para que estea coloreada de branco e acompañada por imaxes de personaxes clásicos do xogo como Toom Nook, Tendo e Nendo. Este trío tan peculiar atópanse nunha illa rodeada por un mar de cor azul pastel. Doutra banda, os Joy-Con serán de cor verde e azul pastel na superficie frontal, namentres o deseño traseiro será de cor branca e as súas correas serán tanto de cor verde coma azul.
Aquí non rematan as novidades, xa que a parte traseira da Switch terá elementos en cor negra de Animal Crossing, tales como árbores, tendas de campaña, mobiliario… Asemade, esta edición especial chegará con dous sets de funda xunto cun protector de pantalla para Nintendo Switch e Nintendo Switch Lite. Esta funda está bañada en cores branco e turquesa, xunto coas follas típicas de Animal Crossing.
Nintendo of America publicou en Twitter que o prezo de lanzamento para este pack será de 299,99$. Porén, Nintendo España non se pronunciou aínda sobre o prezo definitivo pero é de agardar que terá un custo similar ao da versión estadounidense.