Así é Code Shifter, o novo título de Arc System Works
Após deseñar o impresionante Dragon Ball FighterZ, Arc System Works conseguiu alcanzar velocidade de cruceiro cos seus lanzamentos de títulos. E é que a obras tan agardadas como son Granblue Fantasy Versus ou Guilty Gear Strive, únese un novo xogo, Code Shifter. Este xogo de acción 2D vén de ser anunciado pola desenvolvedora e chegará en formato dixital a PS4, Xbox One, Nintendo Switch e PC o próximo 30 de xaneiro en Xapón.
Malia que aínda non se atopa dispoñíbel unha concreta data para o territorio occidental, os responsábeis do xogo indicaron que pronto será revelada. En Code Shifter espéranos unha característica realmente curiosa, xa que poderemos intercalar entre 100 personaxes de diversas sagas da editora, como o nomeado Guilty Gear, River City ou Blazblue.
Durante a partida teremos a posibilidade de variar entre estes personaxes, elixindo cal deles se adapta mellor á situación que teremos que superar. E todo isto é posíbel grazas a unha historia que relata os problemas dunha compañía de software, na que unha serie de bugs no xogo que están a finalizar impide continuar co seu desenvolvemento. Co firme propósito de acabar con esta situación, introdúcese o programa Code Shifter, o cal permite investigar no código do xogo.
Sabe a pouco? Tamén se incluirá o modo Colorful Fighters, unha versión de Super Smash Bros para catro xogadores pero cos personaxes de Code Shifter, aumentando a experiencia xogábel.