Así podería ser Hyrule Warriors como xogo de Game Boy Color

Así podería ser Hyrule Warriors como xogo de Game Boy Color

Xa nas tendas de todo o mundo, Hyrule Warriors: A era do cataclismo sitúase como o último xogo da saga do coñecido heroe Link, desta vez xurdido da unión de Nintendo con Omega Force, xerando un musou dentro do mundo de Breath of the Wild. Todo isto ocorre en Nintendo Switch, pero… e se este título fose publicado en Game Boy Color?

A canle Nintendo Wire creou a súa particular versión do novo título, pensando en como sería o xogo de ver a luz anos atrás. O vídeo preséntase como un de-make, moi imaxinativo e curioso, transportando a nova aventura 3D a unha contorna en dúas dimensións, con vista case cenital, namentres derrotamos inimigos con aroma retro.

E non, non é un xogo nin unha recreación xogable. Só se trata dun vídeo sen interacción nese sentido, pero que fai revivir esa nostalxia que sempre acompaña a aqueles que vivimos noutras épocas tecnolóxicas. Iso si, o Hyrule Warriors si que o podes probar en Switch, pois desde o 20 de novembro conta cunha demo gratuíta na eShop.

Alén de toda dúbida, o novo título da consola híbrida converteuse nun éxito instantáneo. Só catro días despois da súa estrea, Koei Tecmo confirmou que o xogo xa supera os 3 millóns de copias distribuídas en todo o mundo, un novo récord para a compañía. É certo que isto non equivale de xeito directo á cifra de xogos vendidos, pero non deixa de ser un logro para un xogo deste xénero, considerado de forma habitual como nicho.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.