Actualidade Así será o menú de PS5 :: Sony amosa a súa interface nun novo vídeo

Así será o menú de PS5 :: Sony amosa a súa interface nun novo vídeo

Xa está aquí. A interface de PlayStation 5 foi finalmente revelada e xa coñecemos os principais detalles que nos esperan durante a nosa navegación no menú da consola de Sony.

Cunha presentación similar á vista até o de agora con PS4, o Centro de Control preséntase como o núcleo da experiencia. A partir desta base poderemos explorar as funcións esenciais do sistema sen abandonar o título que esteamos a xogar. No apartado de actividades teremos acceso a unha serie de consellos e axudas para poder avanzar nos títulos e ademais permitirá a posibilidade de saltar niveis.

Unha porcentaxe de progresión indicaranos o lonxe que chegamos no videoxogo en cuestión, á vez que mantemos varias obras en suspensión, podendo escoller entre unha e outra rapidamente.

Outra implementación interesante radica na posibilidade de ver os nosos amigos xogar en directo, namentres permanecemos na nosa partida. O menú Create permitirá compartir a mencionada porcentaxe de avance entre a nosa rede de contactos e mesmo advertirá de posibles spoilers se aínda non chegamos ao momento do xogo que nos enviaron.

Por último, as capturas que realizará PS5 serán a 4K tanto en foto como en vídeo.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.