Reportaxes Así será o MUVI, o Museo do Videoxogo de Galicia

Así será o MUVI, o Museo do Videoxogo de Galicia

O próximo 2 de febreiro presentarase en sociedade un proxecto de gran relevancia para os amantes dos videoxogos da comunidade galega. Nacerá o MUVI: Museo do Videoxogo. A este evento inicial están convidados todos os profesionais do sector, afeccionados e curiosos deste mundo dixital creado por bits e experiencias. A cita coincide coa inauguración de Trebella: Espazo de Traballo. Será ás 12 horas, en Cangas do Morrazo, na rúa Andalucía nº10.

O Museo do Videoxogo expoñerá xogos e consolas dos anos setenta, oitenta, noventa e deste século.

O Museo do Videoxogo ten por obxectivo a divulgación desta industria como expresión cultural, un sector no que a diversión e a arte camiñan da man e unen forzas e metas.

Este proxecto parte da idea colectiva de Jacobo e Galo Martínez, dous irmáns que nos 80 descubriron unha paixón polos videoxogos que até hoxe perdura. Décadas xogando, adquirindo e conservando dispositivos, compartindo a súa afección con amigos e compañeiros, e seguindo de preto as novas dunha industria en constante expansión

A súa visión ao redor dos videoxogos afástase do mero entretemento e achégase profundamente á da pura cultura, obviando a visión supeerficial que a prensa convencional foi elaborando ao longo destes anos. Así, xa no ano 2009, a palabra museo xorde nas súas conversacións. A primitiva necesidade de crear unha marca coa que dar voz e difusión a unha forma de entender os xogos como arte, como algo máis que un lecer interactivo.

Trala súa integración na asociación Retrogalaicos, participaron en eventos como Retrosantiago, Retrovigo e Faneka Gaming. Ao longo das últimas semanas, e coa aparición do espazo Trebella aparecen no horizonte novas oportunidades de cooperación entre as que destacan a próxima integración na asociación profesional videoxogo.gal, a colaboración con imaxinSoftware para mostrar nun mesmo espazo o principal software audiovisual interactivo feito en Galicia, ou tamén a proactiva oferta de soporte por parte do CETGAVI.

Parte das instalaciones do MUVI.

MUVI e Trebella

As casualidades non existen, por iso tanto o MUVI como Trebella nacen o mesmo día. Este espazo de traballo albergará empresas e profesionais nun mesmo contorna cálida e adecuada para dar cabida ás diferentes formas de expresión cultural que nel poidan darse.

Trebella ofrece ao MUVI un espazo onde reunir a dispersa colección dos seus creadores: son apenas 50 m2, pero suficientes para que por primeira vez todos os seus dispositivos e videoconsolas poidan ser organizados, inventariados e fotografados, dende a primeira xeración nos anos 70 até o noso presente. Pero máis aló de dar acubillo á colección, tamén ofrece a posibilidade de falar con voz propia, de abrirse ao público a través de conversas, exposicións e outros eventos que o MUVI poida organizar tras a súa inauguración.

Aínda que se brindará a posibilidade de examinar e experimentar coas consolas e os xogos máis relevantes da historia, a idea orixinal vai máis aló. Ademais das colaboracións con outros organismos ou marcas, o MUVI ten como obxectivo articular unha comunidade local vinculada a unha asociación sen ánimo de lucro, que consiga relacionar á xente fisicamente. O Museo do Videoxogo quere ser unha escusa o suficientemente boa como para reunir á xente para falar, debater e xogar. Todo á vez.

A presentación oficial, que comezará ás 12 horas, combinará música en directo coa actuación en acústico de La casa dos ingleses, banda pontevedresa, e unha exposición de arte contemporánea protagonizada por Mauro Trastoy, Santi Jiménez e Begoña Pastoriza.

Non só poderemos gozar ou probar dalgunhas das pezas que aquí se gardarán, o MUVI quere promover a asociación de profesionais locais, así como a programación de charlas e outros eventos.

 

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

2Comentarios
    • Víctor Dopico
    • En: 30 de Xaneiro de 2019

    Qué buena noticia! Y lo mejor es que estoy cerca para poder visitar el MUVI.
    Alegra saber que el proyecto, construido con la ilusión de dos aficionados a los videojuegos, llegue a plasmarse en un espacio que podamos visitar y disfrutar viendo su colección.
    En cuanto podamos, iremos.
    Salu2 desde Pontevedra.

    Responder
  1. […] o Museo do Videoxogo, o MUVI, é unha das accións máis interesantes e prometedoras feitas na nosa terra é un feito. Ubicado en Cangas, na rúa Andalucía nº10, este sábado 9 de marzo, un mes despois […]

    Responder
Dejar unha resposta a Víctor Dopico Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *