Actualidade Baldur’s Gate 3 :: O soño de ser o próximo gran RPG

Baldur’s Gate 3 :: O soño de ser o próximo gran RPG

É unha alivio comprobar como, finalmente,  Baldur’s Gate 3 fixo a súa aparición de xeito público. Existe, é real, está aí. Vinte anos despois do lanzamento do mítico Baldur’s Gate 2, a franquía regresará renovada, en pleno século XXI, moito máis preto do camiño de Divinity: Original Sin —algo normal, máis aínda se temos en conta que Larian Studios substituíu a BioWare como deseñadores—, un feito que podería decepcionar a aqueles que agardaban máis chiscadelas ao pasado; porén, asoma calidade indiscutíbel por todos os poros dos seus píxeles.

Onte, durante a PAX, o novo xogo baseado no universo de Dungeons & Dragons mostrouse a través dunha xenerosa retransmisión. As ideas están claras: liberdade de decisión, de personalización, de combate, de acción… Un RPG puro, rol feito a man, de boutique, por e para amantes do xénero. Larian Studios foi con todo e de novo fará uso dao acceso anticipado para puír os diversos aspectos que poidan ser puídos, mais… tempo ao tempo.

O gameplay amosado deixa un sabor de boca doce e salgado. As cinemáticas impresionan e albíscase ese oscuro ton, propio da saga. A premisa argumental é simple: un grupo de aventureiros logra scapar das garras dos azotamentes, pero un parasito introduciuse no seu cerebro, polo que corren o risco de acabar convertidos nesas criaturas con tentáculos. O abanico de posibilidades será enorme, segundo foi comentado durante a presentación. Foi un gameplay curto pero intenso, onde se deixa entrever o potencial da personalización, do combate —fracaso incluído— e da historia.

Combate por quendas

Non debería sorprender a decisión de que Baldur’s Gate 3 aposte por un combate por quendas e non de acción real como as anteriores entregas. Larian Studios demostraron o seu bo facer neste eido, e eles mesmos explicaron que cren que este tipo de loita comparte máis semellanzas co material orixinal de D&D. Non lles falta razón, malia que unha parte da comunidade quizais senta o novo sistema como algo alleo ao pasado da franquía de videoxogos.

Na práctica, é fácil trazar liñas entre o visto en  Divinity: Original Sin e este sistema de combate. Haberá verticalidad e terá un impacto real e colosal nos duelos: a vantaxe táctica será obrigatoria para sobrevivir. E isto é importante. Os duelos serán desafiantes, ou iso deixouse entrever na retransmisión. Cada quenda importará e cada decisión deberá ser meditada se non queremos perder e empezar de novo. O escenario terá un impacto real, xa seca derrubando inimigos desde as alturas e facer que perdan tempo volvendo posicionarse, destruír elementos do escenario, crear barricadas…

Doutra banda, os medios que están en Boston, e que puideron gozar dun gameplay de catro horas puideron, falan de auténticas batallas multitudinarias, con máis de 17 personaxes implicados. Como se xestionará isto? Un sistema de quendas no que primeiro moverá cada facción e logo a seguinte, unha especie de loita mental e de estratexia con opcións moi variadas e diversas.

Cando poderemos comprobalo o resto dos mortais? Este 2020, desde logo. Ora ben, non hai data exacta para a apertura do acceso anticipado.

O terreo e as posicións que ocupemos nel serán vitais para a nosa vitoria.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.