Bandai Namco pide desculpas polos problemas de rendemiento de Elden Ring en PC

Editora de Elden Ring, Bandai Namco recoñeceu que o lanzamento da versión de PC do último título de Miyazaki non estivo á altura. Os usuarios falaron e, a día de hoxe, o xogo conta con críticas variadas en Steam por mor dos problemas de caída de fotogramas neste sistema.
Bandai Namco pedíulles desculpas aos usuarios a través dun comunicado no seu blogue oficial: «Estamos a experimentar algúns problemas que fan que o xogo non se execute correctamente en certas condicións». «No que respecta á taxa de fotogramas e outros problemas co rendemento seguiremos mellorando o xogo para que poida funcionar en todas as plataformas. Para a versión de PC, actualizar os drivers da vosa gráfica pode mellorar notablemente o rendemento».
Ademais, a editora internacional sinalou un problema polo cal os usuarios de PS5 poden perder algo de progreso no xogo se a consola é apagada de súpeto ou se pon en modo repouso. Este problema terá solución no próximo parche, ata entón… moito ollo.