Actualidade Bethesda faise cargo do equipo de Human Head Studios

Bethesda faise cargo do equipo de Human Head Studios

A aparente mala nova do peche de Human Head Studios, pais do Prey orixinal, Rune e Rune 2; derivou nunha positiva resposta por parte de Bethesda, que fixo público o anuncio de abriren un novo estudio cos traballadores da empresa xa finada.

Chris Rhinehart, director de Human Head explicou que a decisión de pechar o estudo non foi doada, sobre todo pola paixón e a creatividade que o equipo lograra reunir. Por sorte, parece que poderán seguir traballando xuntos en novos proxectos. «Puxémonos en contacto cos nosos amigos de Bethesda para que nos axudasen e viron a súa mesma creatividade e paixón no noso equipo», explica Rhinehart. «Bethesda ofreceu a cada empregado de Human Head un posto na nova empresa. Estamos entusiasmados coa idea de manter a todo o equipo unido perseguindo o traballo que amamos e formando parte dunha empresa que xa coñecemos e admiramos».

O vicepresidente de Bethesda, pola súa banda, explicou que están encantados de poder confirmar que o persoal permanecerá unido e que agora serán membros da súa familia. Trátase dun estudio cun nome máis que coñecido na industria, fundado en 1997, que amais dos citados títulos tamén colaborou no desenvolvemento de grandes éxitos como Bioshock Infinite.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.