Between Dimensions é o primeiro DLC de pago de Moonlighter

O exitoso RPG do estudio español Digital Sun, Moonlighter, obra na que entramos na pel dun mercador co soño de ser un heroe, foi recibindo diversos contidos gratuítos desde a súa chegada ao mercado. Agora, os seus responsables veñen de lanzar o primeiro DLC de pago para PC.
A expansión Between Dimensions lévanos até xusto despois dos eventos da campaña principal e engade un novo alxube interdimensional con desafíos de seu, novas criaturas ás xa existentes, así como novas armas, armaduras e obxectos.
A expansión de pago xa está dispoñíbel en PC, tanto en Steam coma en GOG e a Humble Store, por 6,99 euros. Ademais, o xogo principal ten un desconto do 50 % nestas tendas, aínda que se agardas unha semaniña poderás xogalo de balde na Epic Store, xa que será un dos títulos de agosto en oferta.
Moonlighter logrou vender máis de medio millón de unidades, colocándose como un dos xogos máis exitosos da historia do videoxogo peninsular.