Beyond Good and Evil 2 non se deixará ver no E3 deste ano

Beyond Good and Evil 2 non se deixará ver no E3 deste ano

É, sen dúbida, o título máis importante e de maior relevancia que Ubisoft está a crear, pero este ano non estará no E3. Beyond Good & Evil 2 ten a súa propia axenda, igual que Michel Ancel, o prestixioso autor que está detrás do seu deseño. O xogo de acción espacial non viaxará ata a feira californiana, aínda que si se deixará ver nuns días a través dunha retransmisión en liña oficial, para ver como avanza a súa produción.

O próximo directo do «Informe Espacial de Simios» terá lugar o 5 de xuño ás 18 horas a través de Youtube, Twitch e Facebook Live. É de esperar que se amose nova información sobre como está a ir o proceso de xestación de Beyond Good & Evil 2, así como novas imaxes e gameplay do título.

Cartel promocional de Beyond Good & Evil 2.

E no E3? Ademais de «unha ou dúas sorpresas» , segundo as propias palabras da compañía francesa, en Los Ángeles teremos noticias de Ghost Recon Breakpoint, actualizacións The Division 2 e, ademais, novo contido para títulos máis veteranos como For Honor ou Rainbow Six Siege. Doce momento para Ubisoft, que ten programada a súa conferencia para as 22 horas o 10 de xuño.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados