Actualidade Beyond Good & Evil 2 non é ningunha das vindeiras estreas de Ubisoft

Beyond Good & Evil 2 non é ningunha das vindeiras estreas de Ubisoft

Pasan os meses e Beyond Good & Evil 2 segue a ser o proxecto que pouco ou nada novo ofrece en forma de adiantos ou posíbeis datas. Ubisoft moveu ficha, indicando que publicará cinco xogos triplo A antes de abril de 2021 —podería este dato resultar demasiado ambicioso, pero os atrasos en cadea que anunciaron hai meses fixeron que as estreas se acheguen unhas con outras—, pero ningún deles será a continuación da obra de Michel Ancel.

Durante a última reunión financeira da compañía francesa, o director da compañía, Yves Guillemot, confirmou este asunto. Se chega en 2021, desde logo, farao pasado o mes de abril, é dicir, no seguinte ano fiscal. Que xogos serán entón os que verán a luz? Tres deles están claro: Watch Dogs Legion, Rainbow Six: Quarantine e Gods and Monsters. As apostas máis fortes sinalan que os outros serán dúas obras pertencentes ás franquías máis miticas da compañía, a saber: Far Cry ou Assassin’s Creed. Mesmo é posíbel que tamén un sexa o desaparecido Skull and Bones. O tempo dirá.

A nova obra de Michel Ancel apareceu de xeito espectacular no E3 de 2017, pero os meses pasaron e a información é mínima, mesmo decepcionante se temos en conta a programación dalgunhas retransmisións que quedaron en nada, salvo certas excepcións.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.