Biomutant foi rendíbel na súa primeira semana e xa vendeu 1 millón de copias

Biomutant foi rendíbel na súa primeira semana e xa vendeu 1 millón de copias

Alén das críticas iniciais, Embracer Group pode sorrir cando pensa na súa última obra, Biomutant. O título xa vendeu máis dun millón de copias —sumando todas as versións de todos os sistemas— e logrou ser rendíbel para o estudio responsábel da súa creación en apenas sete días.

Os datos foron publicados nos resultados financeiros correspondentes ao primeiro trimestre do presente ano fiscal. O xogo, desenvolvido por Experiment 101, é un éxito, malia que poida parecer estraño despois da morna recepción coa que contou da crítica especializada. En Morcego, pasou polas mans de Sergio Fernández, que o valorou positivamente, aínda que con carencias.

Doutra banda, o informe tamén presenta datos doutros xogos, como Valheim, que entre abril e xuño deste ano conseguiu colocar outros 1,1 millóns de unidades, o que implica un total de máis de 8 millóns de copias vendidas desde o seu lanzamento.

Biomutant está dispoñible para PlayStation 4, Xbox One e PC a través de Steam e a Epic Games Store.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados