Análises Biomutant :: Unha no cravo e outra na ferradura

Biomutant :: Unha no cravo e outra na ferradura

Biomutant é un ambicioso título de mundo aberto que mestura exploración con mecánicas de combate inspiradas en hack & slashes lendarios como Devil May Cry e con modismos propios dos RPG máis tradicionais. Biomutant tamén é o videoxogo debut dun pequenísimo estudo en Suecia que pasou por un compricado período de desenvolvemento dende 2017. É importante ter isto último en conta ao xulgar o primeiro, pois aínda que THQ decidira vendelo a prezo de triplo A, os recursos que Experiment 101 tivo á hora de desenvolvelo distaron moito dos dun gran estudo. 

Deixando atrás as necesarias aclaracións, Biomutant é un bo xogo. Sen máis. Nin destaca especialmente nin ten defectos imperdoables. Non é doado sobrevivir ao hype e o seu exceso de anticipación, coma con todos os títulos que se fan de rogar e amasan un seguemento importante dende o seu anuncio, saldouse cunha recepción un tanto morna que rapidamente se tildou de fracaso por parte dalgúns sectores do público. Un “fracaso” acrecentado pola estéril polémica sobre a resolución á que corría en diferentes consolas na que un servidor non entrará.

Este xogo de mundo aberto ponnos en control dunha criatura mutante que podemos personalizar ao noso gusto nun mundo postapocalíptico, presumiblemente tras a desaparición dos humanos debido ao colapso medioambiental. A nosa misión será salvar a “orixe da vida”, unha xigantesca árbore situada no centro do mapa cuxas raíces esténdense por todas partes e que está a esmorecer a causa dunhas bestas chamadas “devoramundos” que ameazan con destruilo todo. Ademais, as criaturas están divididas en tribus que teremos que unificar, ben mediante a paz ou mediante a violencia. Esa será a nosa decisión.

Unha fábula con acertos e erros

Unha das características distintivas deste título é a narrativa. Presentado a modo de fábula, un narrador acompaña durante a súa viaxe á criatura que creamos, traducindo a peculiar fala dos animais e interpelando ao xogador. Así, a súa voz é a única que se escoita durante toda a experiencia. Unha decisión arriscada pero comprensible –especialmente no que respecta a recortar custos–, pero a súa execución é desastrosa. Os desenvolvedores decidiron que todos os balbuceos incomprensibles dos animais soasen por completo, coa resposta do narrador indicando que é o que nos queren dicir. Isto, engadido ás constantes interrupcións que sobreexplican o que sucede arredor durante as misións da historia principal, arruína o ritmo narrativo dunha historia que apenas ten pouco que contar e que aínda por riba trata de aparentar unha profundidade que non ten.

Un dos múltiples vehículos nos que nos podemos desplazar.

Porén, todo o que ten que ver con evitar que a historia progrese, isto é, explorar o mundo sen máis, produce unha satisfacción difícil de acadar seguindo as misións principais. O inmenso mapa –de acordo cos creadores conta con 64 quilómetros cadrados– está dispoñible na súa totalidade dende a primeira hora de xogo e en cada recuncho sempre hai algo novo que atopar para mellorar o noso equipo. Ao contrario que no arco principal, todo flúe de forma orgánica e é doado perderse en diferentes ubicacións, que destacan grazas ao setting postapocalíptico, que permitiu aos seus creadores tirar de enxeño e orixinalidade á hora de deseñar os variados biomas nos que se divide o mapa.

Envolvendo esta historia, Biomutant conta cun sistema de ‘karma’, a Aura, que será luminosa ou escura dependendo das decisións que tomemos: elixir a nosa tribu aliada, opcións de diálogo, axudar ou non a determinadas personaxes… Unha boa idea que, ao igual que algunhas cousas neste xogo, non se desenvolveu por completo e amósase confusa, pois xoga un papel determinante no final do xogo e, incluso despois de 30 horas, ao que escribe non lle quedou nada claro cal é ese papel máis aló de desbloquear algúns poderes.

Moita palla e pouco gran

Onde destaca verdadeiramente o Biomutant é no momento no que podemos controlar á nosa personaxe de forma completamente libre. A exploración deste vasto mundo aberto é completamente recompensada con pezas de armadura e armas agochadas nos rincóns máis recónditos. Con estas pezas podemos confeccionar todo tipo de artiluxios e proteccións corporais grazas a un orixinal modo de crafteo que sempre invita a buscar novas formas de facer dano e de protexerse. Para construír necesitaremos lixo que podemos apañar no mundo aberto ou desgazando as partes de roupa e armas que non nos interesen. 

As armas contan cun sistema de rareza e algunhas teñen habilidades únicas

A variedade de armas, tanto de corpo a corpo coma a distancia, é un tanto escasa –catro tipos de cada–, o que contrasta coas posibilidades practicamente ilimitadas que ofrece o crafteo, que ao final remata traducíndose en decisións estéticas ou que ofrezan vantaxes como maior alcance, precisión ou dano. Espalladas polo mundo hai armas de rarezas insólitas que contan con características únicas, polo que cómpre seguir explorando a medida que progresamos no xogo e atopamos inimigos máis poderosos.

Á hora de enfrontarnos aos diversos perigos deste mundo postapocalíptico, Biomutant achéganos un sistema de combate áxil e orixinal, que combina mecánicas típicas de hack & slash lendarios como Devil May Cry mesturando as armas corpo a corpo coas de fogo e poderes sobrenaturais como bolas de lume, telequinesis ou un raio capaz de fulminar inimigos. 

Os combos que podemos executar combinando todas estas mecánicas son divertidos e satisfactorios de usar grazas a un sistema de control moi preciso que nos permite cancelar case calquera animación en outra, incluso para esquivar, algo que será moi útil nas múltiples batallas fronte a hordas de inimigos perante ás que nos atoparemos. Iso si, teremos que poñer un ollo á barra de enerxía, pois drénase con todas as técnicas especiais e incluso ao esquivar. Porén, pese ás posibilidades aparentemente ilimitadas de combinar todas estas técnicas, o propio sistema de combos redúcese a encadear golpes simples, combinalos cos esquives e a dúas técnicas especiais que se activan mediante a mesma combinación de botóns para cada tipo de arma. Deberemos encadear tres destas técnicas diferentes para activar o estado “super wung-fu”, indispensable para batallas moi numerosas. 

Un dos minixefes que nos podemos atopar explorando.

Trátase dun gameplay loop simple de máis pero que á vez resulta bastante atractivo, pois nin sequera as bestas máis pequenas caen en poucos golpes e rara é a vez que non as atopamos en grupos numerosos. Ademais, os minixefes abundan por todo o mundo e son bastante duros de roer. 

Un último aspecto a destacar é a herdanza dos RPG, pois as estadísticas (forza, intelixencia, vitalidade, sorte…) serán cruciais á hora de elixir como abordamos a nosa aventura. O creador de personaxes do inicio do xogo (extremadamente detallado e moi divertido) será o que nos fará especializarnos, se así o desexamos, na nosa forma de atacar favorita, aínda que a medida que subimos de nivel podemos equilibrar as estadísticas ao noso gusto. Aínda que ao final a nosa forza virá determinada, sobre todo, pola calidade das armas que logremos craftear –salvo que elixamos a intelixencia e os poderes psíquicos como a nosa característica máis destacada–, polo que non debemos descoidar ese aspecto.

En xeral, Biomutant é unha experiencia que, coma de costume, non puido estar á altura das expectativas. Pero logra sentar unha base dun videoxogo de mundo aberto con personalidade que, puído e nas mans dun estudo algo máis numeroso, podería ter unha secuela digna da visión que Experiment 101 quixo plasmar, cos seus acertos e os seus erros, neste título.

6.5

O mellor

  • Un sistema de combate áxil e dinámico sobre o que temos todo o control
  • Mundo aberto que se explora facil e satisfactoriamente
  • Crafteo de armas con posibilidades ilimitadas

O peor

  • Historia que se cre máis do que é
  • O ritmo narrativo é terrible
  • O combate carece de profundidade
Sergio Fernández

Obsesionado co das consoliñas dende que me regalaron a PS2. Moi de Kingdom Hearts e de David Cage. Cando non estou cos videoxogos, podes atoparme escoitando música ou vendo series.