Actualidade BioWare perde a dous dos seus executivos máis relevantes

BioWare perde a dous dos seus executivos máis relevantes

BioWare acaba de cumprir 25 anos como compañía, un cuarto de século que non todas as empresas de videoxogos alcanzan. Un camiño cargado de éxitos pero tamén de tropezos, sobre todo se pousamos a mirada nas súas últimas obras: Mass Effect Andromeda e Anthem, títulos que non acabaron de convencer nas súas propostas. O futuro semella máis prometedor, cunha reinvención do segundo e a chegada dun novo Dragon Age, pero a saída do director e presidente Casey Hudson, e o produtor Mark Darrah, ofrece moitas dúbidas sobre a situación real.

Os dous executivos formaron parte da creación e do desenvolvemento de diversos xogos da compañía, que comentou a súa saída no blogue oficial que posúen. Os seus cargos serán ocupados por  Samantha Ryan Gary McKay nos asentos de supervisora e director, respectivamente. O futuro do próximo  Dragon Age terao nas súas mans  Christian Dailey como produtor executivo, mentres que Mike Gamble mantense como xefe á fronte dos proxectos futuros da marca Mass Effect.

No comunicado oficial, Hudson explica que a empresa está «nun momento emocionante, tanto para proxectos sobre os que xa oístes falar, e tamén por algunhas cousas que non se anunciaron aínda». O directivo permaneceu durante case 20 anos no seo da compañía, con só unha breve saída entre os anos 2015 e o 2017.

Darrah, pola súa banda, tamén sinala o feito de que a marcha de ambos os dous non debería diminuír a confianza que a xente depositou nos novos proxectos. «Confío en que o próximo Dragon Age mostre que seguimos comprometidos con esta clase de xogo. Temos moito que ensinarvos».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.