Actualidade BioWare tentará salvar Anthem cunha mudanza completa

BioWare tentará salvar Anthem cunha mudanza completa

O fracaso de Anthem foi un dos máis soados o pasado ano. Para que ocultalo. BioWare non conseguiu darlle vida a un título que atravesou un inferno a nivel de desenvolvemento, sen un rumbo nin obxectivo claros, o que rematou por deixalo en terra de ninguén dentro do seu nivel xogábel. Hoxe, o estudio que logrou a fama a través de éxitos como Mass Effect, Dragon Age ou KOTR buscará a redención cun redeseño total do looter-shoter.

O anuncio chegou a través de Casey Hudson, cunha entrada dentro do blogue de BioWare. Nela afirma estar orgulloso do conseguido, pero tamén que o título non estivo á altura das expectativas para a comunidade nin para o equipo.

«Nos vindeiros meses centrarémonos nun redeseño a longo prazo da experiencia, traballando especificamente para reinventar o núcleo do xogo con obxectivos claros, motivando desafíos e progresos con recompensas significativas, á vez que preservamos a diversión de voar e loitar neste mundo de ciencia ficción e fantasía», comenta o desenvolvedor.

A decisión chega após tres tempadas nas que se foi engadindo contido á obra orixinal, pero non foi suficiente para reter ou gañar novos usuarios. A mudanza que precisa Anthem simula ser máis fonda, por iso os cambios que chegarán no futuro afectarán a toda a experiencia de looteo, progresión e endgame.

O traballo das novas tempadas foi paralizado por completo e todos os esforzos dos responsábeis do xogo serán dedicados ao redeseño. «Crear novos mundos é central para a misión do noso estudio, pero non é doado. Ás veces acertamos, ás veces fallamos», comenta Hudson no final do seu comunicado.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.