Bivestour e Polygone Studio aúnan turismo e videoxogos
Polygone Studio xa se atopa traballando nun novo proxecto tras a exitosa publicación de CricktoGame para Nintendo Switch. En colaboración con Biverstour, unha das empresas referentes en Galicia en xestión de viaxes, expoñen unha sinxela cuestión: «É posible atraer turismo usando un videoxogo?» Para ámbalas dúas empresas, a resposta é clara: «si».
Tanto Abilio Álvarez, xerente de Bivestour, como Miguel Areán, responsable de Polygone Studio focalizan esa crenza e danlle forma en Sons Of Breogham, título no que o xogador percorrerá o reino de Galimdor nun trepidante RPG ao máis puro estilo de grandes clásicos do xénero como The Legend of Zelda: A Link to the Past.
No xogo van aparecendo misións que o xogador debe tratar de superar para ir recibindo recompensas, entre as cales podería estar, por exemplo, unha viaxe paga para coñecer o auténtico reino de Galimdor que, como sospeitas, é terra de meigas.
O título que estará dispoñible en Steam e Nintendo Switch, así como nos principais sistemas operativos para dispositivos móbiles. O proxecto foi convidado a participar no TurisTIC, celebrado hoxe no Museo Verbun de Vigo coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Aínda non achegou unha data de lanzamento oficial.