Black Myth: Wu Kong preséntase en sociedade cun espectacular adianto
Até o de agora era un nome descoñecido para a comunidade, pero semella que Black Myth: Wu Kong conseguiu atención e interese a partes iguais despois de facer público un adianto de trece minutos de duración no que presume de historia, xogabilidade e apartado visual.
De orixe chinesa, Black Myth: Wu Kong defínese como un RPG de acción, moi do estilo From Software, pero ambientado no universo de Viaxe ao Oeste, Xī Yóu Jì, unha das grandes obras da literatura chinesa, que narra unha versión mítica das aventuras do monxe budista Xuanzang.
Sexa como for, está claro das augas que bebe este futuro xogo, directamente da fonte de Miyazaki, na que se combinan combate, esquivas e habilidades á hora de derrotarmos inimigos realmente desafiantes. O estudo Game Science explicou que haberá un total de 72 habilidades diferentes para usar durante a aventura.
A continuación podes comprobar de primeira man o ben que loce Black Myth. Para que plataformas chegará? Polo momento sabemos que está a ser desenvolvido en Unreal Engine 4, mais non hai unha data de saída concreta, aínda que si confirmou que estará dispoñible en PC e as principais consolas do mercado, polo que é moi probábel que chegue para Xbox e PlayStation.




