Actualidade Blacksad: Under the Skin atrásase até novembro deste ano e presenta novos detalles

Blacksad: Under the Skin atrásase até novembro deste ano e presenta novos detalles

Non sempre son todas as novas boas. Aínda que tiña prevista a súa saída para despois do verán, o 6 de setembro, Blacksad: Under the Skin viuse atrasado até o 5 de novembro. Chegará, como estaba previsto, para PC, PS4, Switch e Xbox One.

Trátase dunha breve fochanca no camiño, compensada de xeito hábil por  Microïds e Pendulo Studios ao publicar o primeiro dos diarios de desenvolvemento que irán revelando como se elaborou a adaptación deste popular cómic ao mundo dixital. Os creadores da obra orixinal, Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido, tamén participan e falan nesta peza audiovisual.

Segundo os seus responsables, o título posuirá unha duración aproximada de 12 ou 13 horas para alguén que o xogue por primeira vez e queira gozalo con calma. Paga a pena lembrar que Blacksad: Under The Skin terá seis finais distintos e ofrecerá unha boa rexogabilidade.

A historia que contará esta obra non deriva de ningunha adaptación dos cómics orixinais, senón que foi escrita polo equipo de Pendulo Studios. Porén, a narración e todos os seus elementos foron revisados por Juan Díaz Canales, o creador do personaxe.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *