Actualidade Blasphemous lidera o mercado dixital no seu debut

Blasphemous lidera o mercado dixital no seu debut

O estudio declarou en redes sociais a enorme satisfacción que supuxo ver o éxito de vendas.

Blasphemous, o título de acción e plataformas con aroma metroidvania, foi líder de vendas en Steam no seu debut. A plataforma de venda de videoxogos de Valve sitúao como a obra máis vendida nas últimas 24 horas dentro do territorio español, superando a xigantes como Gears 5 ou PES 2020, que tamén se estrearon esta semana.

Na lista global, o xogo ocupa o cuarto posto por detrás de GreedFall, que é número un, e Gears 5, que ocupa a segunda e terceira posición. En GOG, pola súa banda, Blasphemous sitúase na segunda praza de vendas na súa edición estándar. O caso do xogo creado polos sevillanos The Game Kitchen é interesante, pois tamén puideron colocar entre os máis exitosos do día a súa versión deluxe, que inclúe unha serie de incentivos como un cómic dixital e a banda sonora orixinal. Malia que non hai cifras de unidades vendidas, é de esperar que despacharan varias miles de copias ao longo do mundo. Habería que contar e agardar tamén as vendas en consolas.

O estudio sevillano, creador tamén de The Last Door, precisaba 50.000 dólares para materializar a súa proposta de forte inspiración cristiá, próxima ás imaxes da Semana Santa andaluza, pero con chiscadelas aos Dark Souls, en Kickstarter. A expectación subiu como a escuma e pecharon a campaña de financiamiento con 333.246 dólares.

Blasphemous está xa dispoñíbel en formato dixital para PS4, Xbox One, PC e Nintendo Switch a un prezo de 24,99 euros.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.