Actualidade Blasphemous xa ten demo de balde en Steam por tempo limitado

Blasphemous xa ten demo de balde en Steam por tempo limitado

The Game Kitchen, o estudio sevillano detrás de Blasphemous anunciou este mércores a apertura dunha demo en Steam do seu agardado xogo. Só estará dispoñíbel uns días; cómpre que aquel que queira xogala bula. O xogo chegará en pouco máis dunha semana, o próximo 10 de setembro, en formato dixital, a PlayStation 4, Xbox One, PC e Nintendo Switch. Terá un prezo de saída de 24,99 euros.

Esta é a recta final para un título que suscitou moitísima expectación desde a súa aparición en Kickstarter, plataforma na que conseguiu o seu financiamento en apenas 24 horas. Unha barbaridade. Influenciado por títulos tan relevantes como Metroid ou Castlevania, Blasphemous preséntase como unha aventura pixel art de acción e plataformas en 2D cun apartado artístico único, ao tomar a tradición cristiá do sur de España e aplicala nun videoxogo.

A obra dos sevillanos contou cun desenvolvemento de tres anos. Grazas a ela entraremos nas terras de Cvstodia, maldicidas polo Milagre. Na pel do único sobrevivente da irmandade do Queixume Mudo, deberemos buscar a salvación a base de maxia e golpes de espada.

A demo de Steam, duns 45 minutos, permite coñecer de primeira man as melloras paulatinas que se foron introducindo no xogo ao longo destes últimos meses. O sistema de combate é sólido e o uso das maxias promete un bo equilibrio entre diversión e xogabilidade. Non é nin demasiado fácil, nin demasiado difícil; malia que simula que podería ser un bo reto de querer provocar ao xogador. O apartado gráfico percíbese exquisito, cuns deseños moi orixinais e recoñecíbeis, difíciles de atopar noutras obras. O camiño elixido por The Game Kitchen foi o correcto nese sentido: usar o que tiñan a man e usalo ben.

A única verdade é que este adianto deixa con gana de máis. Non hai mellor veredicto para unha versión de proba, ¿non?

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.