Actualidade Bleeding Edge, o primeiro exclusivo de Ninja Theory para Microsoft

Bleeding Edge, o primeiro exclusivo de Ninja Theory para Microsoft

Sabendo que Microsoft leva ao E3 até catorce xogos creados baixo o seu paraugas, era moi difícil non pensarmos que polo menos un deles sería obra de Ninja Theory, o estudio que soubo convencer ao mundo grazas ao vistoso DmC e o denso Hellblade: Senua’s Sacrifice –a empresa foi mercada por Microsoft hai cousa dun ano. Pois podemos celebrar a súa volta, mesmo antes de tempo; ora ben, quizais chegue cun xogo nas antípodas dos anteriores.

Bleeding Edge é o nome do novo proyecto dos de Cambridge e será un título multixogador, onde poderemos pelexar corpo a corpo en grupos de catro –oito xogadores por partida, vaia– e alzarmos como os campións.

Sorprende o cambio de rexistro do estudio, cómpre lembrar que Ninja Theory semellaba beber das augas das narracións complexas. Os exemplos son varios: Enslaved, Hellblade ou Heavely Sword. Quizais por iso pareza estraño esta escolla. Porén, paga a pena agardar e darlle unha oportunidade futura.

Cunha xogabilidade moi aferrada á modalidade de xogo en liña, Bleeding Edge terá unha alpha técnica o próximo 27 de xuño, aínda que por motivos evidentes –falta o anuncio oficial– non hai máis datos sobre este asunto. O domingo, na conferencia de Microsoft do E3, de seguro que se darán respostas a moitas das dúbidas que provoca esta nova obra.

O vídeo que está colgado en YouTube pertence, con clareza, a unha filtración de primeiro nivel, produto da gravación cun móbil ou similar dun documento de uso interno da compañía. A calidade do tráiler é a xusta por mor disto.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.