Actualidade Blizzard absorbe Vicarious Visions, responsábeis das revisións de Crash Bandicoot e de Tony Hawk

Blizzard absorbe Vicarious Visions, responsábeis das revisións de Crash Bandicoot e de Tony Hawk

Medios internacionais como GamesIndustry.biz —corroborado non moito despois por Bloomberg— dan por boa a información: Activision Blizzard decidiu absorber a Vicarious Visions, estudio que xa formaba parte de Activision.

Vicarious Visions foron responsábeis de varios éxitos recientes, como a divertida triloxía de Crash Bandicoot actualizada e a sobresaliente revisión do Tony Hawk’s Pro Skater 1+2.

Pero non estaba dentro xa de Activision? Si, por iso a operación ten a súa aquel. O estudio, que conta con 200 persoas dentro do seu cadro de persoal, foi adquirido pola marca Activision no ano 2005, levando sobre os seus ombreiros marcas como Guitar Hero ou Skylanders durante unha década, ao mesmo tempo que apoiaban diversos proxectos, como Destiny 2.

Sexa como for, podería dicirse que Vicarious Visions traballaba para Blizzard Entertainment pero non estaba dentro da súa estrutura interna como tal, feito que agora si se confirma. Polo que se puido saber, estes 200 empregados dedicaranse, a partir deste intre, a traballar en exclusiva para sagas e licenzas existentes en Blizzard.

Non, non hai información de novos proxectos ou xogos, pero merece a pena lembrar que o estudio levaría aproximadamente un ano colaborando con Blizzard para dar forma a un remake non anunciado de Diablo II —feito non confirmado pola compañía, pero do que se fala como un segredo a voces—. Quizais vexan potencial na unión, de aí a intención de formalizala aínda máis; pasar da parella de feito a matrimonio.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.