Blizzard anuncia o desenvolvemento dun videoxogo de supervivencia para consolas e PC

Blizzard revelou que está a desenvolver un novo título de supervivencia. O anuncio foi realizado a través da web oficial da compañía, sinalando que estará ambientado nun universo totalmente novo, se ben o único dato real sobre a súa xogabilidade ou o seu sistema de mecánicas só fai referencia á amentada «supervivencia».
A obra, sen nome aínda, sairá para PC e consolas, e presentaranos un escenario «cheo de heroes que aínda debemos coñecer, con historias que explicar e aventuras que vivir. Un gran reino de posibilidades agardando ser explorado».
Pola información achegada, semella que a obra aínda está nunha fase bastante inicial, pois a compañía aínda está a recrutar persoal para o mesmo. «Préstanche os xogos de supervivencia? Queres formar parte dun equipo colaborativo de experimentados desenvolvedores nos estadios temperáns dun novo proxecto, nun novo mundo… e axudar a escribir o seguinte capítulo na historia de Blizzard?», reza a mensaxe que convida a enviar o currículo.
Este anuncio, que aparece con certa sorpresa, cheg unha semana despois de que Microsoft anunciara a compra de Activision Blizzard, e, dalgún xeito, materializa esa idea de que a vida segue, neste caso para Blizzard, que mantén os seus novos proxectos e marcas en pé.