
Blizzard renova e moderniza Battle.net, a súa lanzadeira de xogos
A última actualización de Battle.net, a plataforma desde a que podemos executar os xogos de Blizzard e Activision, é unha «das máis importantes dos últimos anos», tal e como sinalan os seus responsábeis. O motivo? Trae unha renovación completa a nivel visual de toda a plataforma, amais de engadir melloras substanciais nos compoñentes sociais.
En poucas palabras, e a modo de resumo, poderíase dicir que a plataforma recibiu un bo lavado de cara e quixo adaptarse aos tempos que corren. A nova interface trae noticias e detalles para cada título, ademais de poder marcar obras favoritas, organizar a biblioteca dun xeito máis eficiente e a posibilidade de usar o teclado por ela, sen a necesidade de utilizarmos o rato. A parte social tamén foi actualizada e potenciada.
«Isto non é máis que un adianto das novidades que chegarán a Battle.net», explica Blizzard no seu blogue oficial. «Seguiremos traballando, mellorando e engadindolle características á aplicación nos próximos tempos».
Se non podes ver os cambios, non te preocupes. A actualización, polo momento, só pode ser descargada en territorio norteamericano, pero pronto se habilitará, nas vindeiras semanas, no resto do mundo.