Blizzard veta a un xogador por amosarse a favor das revoltas de Hong Kong
Tan absurdo e duro como semella. Blizzard, a compañía americana detrás de éxitos como Diablo, World of Warcraft ou Overwatch, suspendeu a un xogador profesional de Hearthstone, Chung ‘Blitzchung’ Ng Wai após amosar o seu apoio ás manifestacións que están a ter lugar na rexión de Hong Kong.
O cesamento do xogador foi inmediato, situación que lle impide participar en calquera torneo oficial do videoxogo, amais de privarlle de todos os títulos e premios acumulados até o momento.
Segundo Blizzard, Blitzchung violou as normas de conduta ao facer ese chamamento á liberdade de Hong Kong e cargar contras as forzas de seguridade da zona. As declaracións foron feitas durante a emisión ao vivo do Grandmasters, o pasado 6 de outubro. A compañía sinala que as súas declaracións poderían ter repercusións políticas que farían perigar os intereses do videoxogo no mercado chinés. A suspensión durará un total de 12 meses.
[BREAKING] Hong Kong Hearthstone player @blitzchungHS calls for liberation of his country in post-game interview:https://t.co/3AgQAaPioj
@Matthieist #Hearthstone pic.twitter.com/DnaMSEaM4g
— ? Inven Global ? (@InvenGlobal) October 6, 2019
Durante a intervención Blitzchung puxo unha máscara similar á portada por algúns manifestantes e berrou: «Liberdade para Hong Kong. É a revolución da nosa era!»
«A participación en calquera acto no que, baixo o criterio único de Blizzard, participes nunha disputa pública, poida ofender a unha porción ou grupo do público, ou que de calquera forma poida danar a imaxe de Blizzard, terá como resultado unha eliminación inmediata dos Grandmasters e unha redución do premio do xogador a un total de 0 dólares estadounidenses. Ademais, tamén se reducirán outras compensacións que poidan ser ofrecidas baixo o Manual e os Termos de Blizzard na súa páxina web», sinala a cita incluída no documento 2019 HEARTHSTONE GRANDMASTERS OFFICIAL COMPETITION RULES v1.4, páxina 12, sección 6.1, e que é usada como o principal escudo de Blizzard á hora de tomar esta decisión.
Os dous comentaristas que falaban co xogador en directo tamén se viron afectados e non poderán volver traballar con Blizzard. Ambos os dous trataron de afastarse das palabras de Blitzchung simulando agocharse baixo a mesa entre risas. A compañía considera que o xesto non foi suficiente.