Actualidade Bloodstained e Blasphemous xúntanse nunha inesperada alianza

Bloodstained e Blasphemous xúntanse nunha inesperada alianza

Máis que agradable sorpresa a que hoxe Team17 e The Game Kitchen anunciaron. As obras Bloodstained: Ritual of the Night e Blasphemous uniranse a través dun particular crossover. Como? Unha misión que chega da man dunha actualización de balde do título sevillano, o próximo 18 de febreiro para PC, Switch, Xbox e PlayStation.

A historia cóntase soa: deberemos axudar a Miriam a regresar ao seu mundo, superando desafíos en forma de plataformas e criaturas, á vez que colleitamos os fragmentos que abran o ansiado portal de regreso. Strife and Ruin, título desta alianza, inclúe ademais varios engadidos e modos extra.

Entre eses modos novos inclúese un Boss Rush, accesible despois de superar a historia principal, seguindo a tradición de Koji Igarashi. Unha vez logremos tal fito, recibiremos unha puntuación que poderemos tentar superar. Tamén haberá a posibilidade de utilizar un filtro de 8 bit, malia que para iso deberemos localizar a máquina arcade que o fai posíbel, nalgún recuncho de Cvstodia.

Por último, tamén se incluirán diferentes modos de renderización, permitindo emular efectos de TV antigos e que se poden aplicar ao resto do xogo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.