Bloodstained: RotN celebra o millón de copias vendidas con novidades para o futuro

Bloodstained: RotN celebra o millón de copias vendidas con novidades para o futuro

Máis dun millón de copias vendidas en todo o mundo é a gran cifra que alcanzou Bloodstained: Ritual of the Night, tal e como veñen de anunciar a desenvolvedora ArtPlay e a editora 505 Games. O xogo logra este fito unha semana antes de cumprirse o primeiro aniversario do seu lanzamento en PS4, Xbox One e PC. A versión para Nintendo Switch chegou o 25 de xuño.

Alén dos agradecementos aos seguidores por parte do seu responsábel principal, Koji Igarashi, o equipo de desenvolvemento compartiu a folla de ruta prevista para o xogo nos vindeiros meses. Após descartar a chegada do modo Roguelike, o que se albisca no horizonte é a aterraxe do modo Boss Revenge. Poderemos facernos co control dos xefes finais para acabar cos protagonistas, o que achega unha maior rexogabilidade xunto co recente modo Randomizer.

Será a partir do 23 de xuño cando todas as plataformas reciban esta actualización, agás Nintendo Switch que terá que esperar até xullo. As novidades continúan ao longo do 2020 co engadido dun modo Versus e un modo Caos, que poderán ser xogados tanto en partidas locais como multixogador. Xunto con isto, desembarcará un modo clásico para todos aqueles nostálxicos dos anos 80. Por último, un novo personaxe, que non será Dominique, poderá ser utilizado durante as partidas.

Bloodstained: Ritual of the Night todavía ten moito contido por amosar á comunidade.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados