Actualidade Bloodstained: Ritual of the Night non contará finalmente cun modo roguelike

Bloodstained: Ritual of the Night non contará finalmente cun modo roguelike

Grazas á plataforma de Kickstarter, Koji Igarashi puido dar forma á súa última creación, Bloodstained: Ritual of the Night. Cinco millóns e medio de dólares despois, o título que homenaxea aos Castlevania clásicos é unha realidade para todas as plataformas desde o pasado mes de xuño. Unha das recompensas que se marcaba no crowdfunding era a de introducir un modo roguelike se se superaban o mencionados cinco millóns. Igarashi finalmente declarou que o devandito modo non chegará ao videoxogo.

Tal e como comenta o pai da criatura, o sistema roguelike non é compatíbel co código de Bloodstained: Ritual of the Night. A idea dos desenvolvedores non contemplaba, nun principio, incluír este tipo de sistemas. A súa chegada permitiría gozar de partidas rápidas, con inimigos e escenarios aleatorios e morte permanente, todo iso sustentado por xeración procedural.

Porén, non todo son malas noticias. Koji Igarashi anunciou que a modo de compensación, contaremos cun modo denominado Randomizer, o cal nos permite establecer diferentes parámetros durante o modo historia, o cal achega ao xogo un pouco ao xa refugado modo roguelike. Mesmo se engadirá a posibilidade de compartir os nosos parámetros favoritos con outros usuarios e establecer retos de tempo para os xogadores. Este contido chegará nunha próxima actualización de balde.

A través de múltiples opcións, poderemos aportar unha rexogabilidade propia a Bloodstained: Ritual of the Night.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.