Actualidade Bloomberg afirma que un novo modelo de Switch chegará este 2021

Bloomberg afirma que un novo modelo de Switch chegará este 2021

Bloomberg vai con todo. O medio internacional publicou este 4 de marzo unha información na que sinala a chegada dun novo modelo de Nintendo Switch ste mesmo 2021. A súa produción comezaría en xuño e estaría nas tendas para a campaña de Nadal, sobre novembro. Trataríase dunha evolución natural da máquina actual, ese modelo pro do que tanto levamos rosmado.

Segundo a información publicada, o novo sistema contaría cunha pantalla Samsung OLED de 7 polgadas (a actual ten 6,2) e permitiría unha resolución de 720p. Ora ben, quizais o cambio máis notable estaría no novo dock, capaz de alcanzar unha resolución 4K cando está conectada a consola.

A noticia chega un día despois de ser celebrado o cuarto aniversario da última máquina de Nintendo. Unha consola que entra directa aos grandes logros da compañía, recuperando a confianza da comunidade logo do fracaso de Wii U. A compañía xaponesa sinalou hai uns días que a consola estaba preto dos 80 millóns de unidades vendidas, superando a mitos como NES ou 3DS. Outra cifra astronómica é a súa capacidade de venda de títulos: máis de 532 millóns de xogos foron despachados para a consola.

En teoría, Switch estaría agora xusto na metade do seu ciclo de vida. Nintendo confirmou o seu interese de manter operativa a consola varios anos máis ao comprobar como as súas vendas están moi lonxe de descender.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.