Actualidade Bluepoint Games, expertos en revisións, únense á familia de PlayStation Studios

Bluepoint Games, expertos en revisións, únense á familia de PlayStation Studios

Chegamos tarde, mais nunca é tarde se a nova en cuestión ten ese cheiro a actualidade. Sony fixo oficial a compra de Bluepoint Games. Un movemento que non sorprende moito se damos unha ollada a relación que ambas as dúas compañías estaban a manter; porén, non deixa de ser unha fichaxe de primeira división.

Despois recrear Demon’s Souls, Shadow of the Colossus e encargarse de Uncharted: The Nathan Drak Collection, remasterización da triloxía orixinal de Naughty Dog, Sony decidiu que a xente de Bluepoint Games debe pasar a formar parte da súa familia.

Ora ben, o vindeiro título do estudio non será unha revisión de ningún tipo, senón unha obra orixinal. Así o declarou Marco Thrush, presidente da empresa, a IGN, malia non ofrecer máis detalles sobre este asunto.

Doutra banda, Hermen Hulst, xefe actual de PlayStation Studios, sinaloulle ao medio americano que non pecha as portas ao feito de procurar máis estudios en exclusiva para o grupo. No entanto, o que ten claro é que deben de ser compañías que compartan os mesmos valores e poidan expandir o ofrecido aos xogadores de PlayStation.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.