Actualidade Borderlands 3 estrea adianto e fixa a súa presentación

Borderlands 3 estrea adianto e fixa a súa presentación

Chegou o día. 2K Games e Gearbox Software publicaron o primeiro adianto en vídeo do agardadísimo Borderlands 3, o novo capítulo dunha das franquías máis populares de xogos de disparos en primeira persoa. Así loce no seu teaser titulado A Máscara do Caos:

Nada máis se sabe sobre o título oficialmente, nin sequera as plataformas para as que chegará e moito menos o título ou a data de lanzamento, pero a compañía chama a todos os interesados nestes datos a que mañá, xoves 27 de marzo, ás 19 horas, sintonicemos a retransmisión en directo da conferencia de Gearbox no PAX East.

Hai apenas unhas horas unha filtración achegaba diversos datos sobre a trama desta terceira entrega. As sirenas Calypso, dúas irmás xemelgas, serían as vilás principais da aventura. Atendendo aos rumores, a historia transcorrería cinco anos despois do final da última entrega, coa idea de explorar novos mundos. A nave Crimson Raiders faría de eixo conector entre todos os planetas.

A saga Borderlands alcanzou un éxito exquisito ao ambientarse nunha distopía futurista pero na que non falta o humor. Hai xa sete anos do lanzamento de Borderlands 2, título que logrou facerse coa coroa de xogo máis vendido na historia de 2K, con máis de 12 millóns de copias despachadas ao longo de todo o globo.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *