Bueu afonda no galego e na súa presenza nos videoxogos

Bueu afonda no galego e na súa presenza nos videoxogos

No marco da aposta polas políticas de promoción da lingua galega, o Concello de Bueu promove a próxima fin de semana as xornadas Bueu e a fala: o galego 3.0, e que pretenden ofrecer unha reflexión arredor do emprego do galego nas redes sociais e nos novos medios. O programa estenderase dende o venres 7 de outubro ao domingo 9 e constará de charlas, presentacións de proxectos, exposición, mesas redondas e, o máis novidoso, o 1º Certame Mergullándonos no TikTok.

Os videoxogos terán dentro da programación un protagonismo de seu, cunha xornada enteira adicada en exclusiva a estes e á súa relación coa nosa lingua. A partir das 11 horas, as persoas que se acheguen poderán coñecer a experiencia do Museo do Videoxogo de Cangas, na que se falará do galego nesta industria cultural e dos seus máis de cen títulos na súa sede canguesa.

En relación con este, ás 11.45 horas, abrirase na Sala Domínguez Búa unha mostra que se poderá ver todo o día e na que se abordará a historia do videoxogo na nosa lingua, coa presenza dos responsables do MUVI. A continuación, ao redor das 12.30 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre o galego no videoxogo, na que intervirán Luz Castro, de Videoxogo.gal; Carlos Pereiro, da Revista Morcego —ese son eu—; Carlos Vieito, de A Mesa pola Normalización Lingüística; e Inés Mirás, de Grimorio of Games.

A continuación podes consultar o programa completo:

Programa oficial do evento.

Ao longo dos últimos anos, este tipo de citas, onde o videoxogo gana protagonismo nos debates culturais, sociais e de normalización, están a ser unha constante ben positiva.

Son varias as citas que atenden o videoxogo e as súas relacións con outros eidos, e así o demostran as Xornadas de Videoxogo e Literatura da Fundación Carlos Casares, a presenza cada vez maior dos videoxogos no Culturgal ou a aparición máis ou menos continuada en espazos da Radio e a Televisión Galega.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados