Bungie rompe con Activision e queda cos dereitos de publicación de Destiny

Bungie e Activision rompen lazos oficialmente. O estudio estadounidense vén de anunciar a obtención dos dereitos para publicar Destiny, e que Activision, editora dos dous primeiros, centrará os seus plans en potenciar as súas licenzas propias, así como futuros proxectos.
Non é unha sorpresa. A ruptura formal chega tras varios anos de tensión entre ambas as empresas. Hoxe, Bungie revelou a noticia aos seus empregados tras unha reunión de ambiente “positivo” segundo indicaron en redes sociais os propios traballadores.
Na súa páxina oficial, o estudo afirma que gozou “de oito anos de éxitos” e que lles gustaría agradecer a Activision “a súa colaboración” en Destiny. “Mirando cara a adiante, estamos emocionados por anunciar os plans de Activision de transferir os dereitos de Destiny a Bungie. Estamos listos para publicalo nós mesmos”, continúa o comunicado.
Pola súa banda, Activision tamén fixo público o asunto a través dun chío na súa conta oficial. Nel fala sobre a cesión de dereitos de publicación de Destiny aos seus creadores, e tamén comenta brevemente os seus plans a curto prazo, sinalando que a programación fixada nun principio para Destiny 2 manterase inalterable, co motivo de facer unha transición máis doada para todos os xogadores.
Ao longo dos últimos meses as malas relacións entre as dúas compañías foron bastante evidentes. Activision chegou a comentar publicamente o seu descontento co “compromiso dos xogadores con Destiny”, o que levaría a un rendemento de vendas por baixo das súas expectativas. Estas palabras, que foron escritas o pasado setembro trala saída do DLC dos Renegados, para Destiny 2, non sentaron ben a Bungie, que aseguraron estar máis que orgullosos da expansión.
Comentarios en redes
Tralo anuncio, non poucos usuarios comentaron o acerto do estudio de abandonar Activision, unha compañía que nos últimos tempos foi duramente criticada debido aos seus movementos internos e ás súas polémicas decisións. O fracaso público de Diablo para móbiles aínda está moi presente, e as tensións con Blizzard e os seus traballadores son unha constante no sector.
YES!!!! pic.twitter.com/3JWtxvBCmX
— Mr.Blue?? (@MR_BLUE710) January 10, 2019