Call of Duty procura recuperar prestixio cun vello nome: Modern Warfare
Era xa un segredo a voces. Activision presentou este xoves, ao grande, Call of Duty: Modern Warfare, un novo capítulo para esta franquía de acción bélica en primeira persoa. Recupera o subtitulo co que logrou o seu apoxeo, prescinde do número catro, e quere recuperar o trono dos FPS. O equipo de Infinity Ward publicou xa o primeiro adianto do mesmo e anunciou data de lanzamento: 25 de outubro, para PC, PS4 e Xbox One.
Como é habitual para o usuarios de PC, o título só estará dispoñible a través de Battle.net, o launcher de Blizzard Entertainment. Agora ben, para sorte dos usuarios, todas as plataformas terán entre si xogo cruzado, polo que a máquina que teñamos á hora de gozar deste renovado Modern Warfare non será un dato relevante para disparar con (ou contra) amigos.
Activision fai fincapé en que quixo dotar ao título dunha compaña con «unha narrativa incriblemente crúa, turbia e provocativa que brindará unha intensidade inigualable», e que afondará na «natureza cambiante da guerra moderna».
Unha das novidades rechamantes dentro de Modern Warfare é o uso dun novo motor gráfico, tras 14 anos facendo gala do mesmo. Con todo, a empresa norteamericana non chegou a dicir o nome do devandito elemento. Si as súas características, ou, polo menos, que poderemos ver en pantalla: o xogo en 4K con HDR, en PC a posibilidade de utilizar a tecnoloxía raytracing ( DXR), escenarios máis detallados, creación de texturas moito máis veloz, renderizaciones máis áxiles… O certo é que tanto a visión térmica como a nocturna que se aprecian no adianto, colgado een YouTube para a ocasión, móstrase cun realismo brutal.
Co modo campaña viviremos as experiencias dun corpo de elite que viaxa por todo o mundo para facer fronte a todo tipo de ameazas terroristas, sexa en Europa ou en Oriente Medio. Si, volveremos ver a veteranos da saga como o Capitán Price. Por suposto, haberá multixogador, tanto na súa experiencia máis clásica como nun novo modo de xogo cooperativo, onde poderemos gozar en compañía dunha serie de misións con tinguiduras de estratexia á hora de poder cumprilas. Non hai moitos máis datos sobre esta parte, aínda que é probable que ao longo das próximas semanas asome máis información.
Outra boa nova? O xogo chegará sen pase de tempada, polo que calquera novo mapa, arma ou modo extra será, en principio, de balde para todos os xogadores.