Call of Duty: Warzone estréase cunhas cifras millonarias e de récord
Infinity Ward lanzou, após non poucas filtracións e diversos rumores, o seu ansiado battle royale de balde. Call of Duty: Warzone preséntase como unha nova aposta polo xénero revelación dos últimos anos e aparece como unha obra independente de Modern Warfare, estando xa dispoñíbel en PlayStation 4, Xbox One e PC. A súa idea é abarcar o maior número de público, sen distinción de plataforma.
A través da súa conta oficial de Twittter, Call of Duty sinalou que o debut de Warzone foi un éxito absoluto, chegando a contar con máis de seis millóns de xogadores rexistrados nas súas primeiras 24 horas. Unha tolemia para a que a compañía só tivo palabras de agradecemento cara á comunidade.
What a day! 24 hours in and over 6 million of you have dropped into #Warzone.
Thank you – we’re just getting started.#FreeCallofDuty pic.twitter.com/GpDKJw5QD4
— Call of Duty (@CallofDuty) March 11, 2020
O novo battle royale entra en guerra directa cos outros dous grandes expoñentes do momento: Apex Legends e Fortnite. Diversos analistas apresuráronse a facer os cálculos comparativos, lembrando que o título de Electronic Arts contou con preto de dous millóns e medio de usuarios no seu primeiro día, cifra que no seu momento xa supuxo todo un récord e abriu bocas en todo o mundo. Hoxe, parece ata pouco.
Neste sentido, é posible que Warzone sexa un rival máis directo con Apex Legends que con Fortnite, debido á súa aposta pola primeira persoa e non a terceira, como o battle royale de Epic, que se mantén no tempo como unha peza inamovíbel no taboleiro de xadrez do éxito. A compañía responsábel do novo título lembra que non é precisa a subscrición a PlayStation Plus para xogar na máquina de Sony. Está por ver se é capaz de reter este volume de xogadores ao longo dos vindeiros meses.