Actualidade 505 Games desminte a cancelación de Overkill’s The Walking Dead para PS4

505 Games desminte a cancelación de Overkill’s The Walking Dead para PS4

Actualización (21/02/2018, 11.32 horas): Overkill’ s The Walking Dead non estaría cancelado. 505 Games, editora do título, explicou o estado actual do proxecto para desmentir e negar as últimas informacións chegadas dende Sony. A compañía defende o atraso indefinido do videoxogo para consolas.

_____________________

A versión para PlayStation 4 de  Overkill’s The Walking Dead, o shooter multixogador creado polo mesmo equipo que deu a luz ao coñecido Payday 2, foi cancelada. Así semella confirmalo Sony. A nova chega tras o anuncio dun “atraso indefinido” na devandita versión.

Ao parecer, PlayStation Store mandou unha mensaxe a diferentes usuarios da súa plataforma asegurando a cancelación do título e a devolución do diñeiro: “A editora notificounos que o xogo foi cancelado. Como resultado, retiramos as reservas existentes da PlayStation Store e cancelaremos todas as reservas”, sinala o comunicado.

Mensaxe subida a Reddit por un usuario.

Segundo o sinalado por Sony, os usuarios que reservasen o título recibirán a devolución do diñeiro no prazo dunha semana tras recibir un correo electrónico ou unha notificación cunha mensaxe similar á anterior. Se o método de pago utilizado durante a compra non está dispoñible, os cartos devolveranse como moeda para PlayStation Network. Os usuarios de Xbox One, polo momento, non recibiron ningunha novidade sobre este asunto.

Nin a editora do xogo, 505 Games, nin os equipos de desenvolvemento, Overkill e Starbreeze, pronunciáronse aínda sobre este tema. O recibindo frío por parte da comunidade de PC seguramente sexa responsable deste cambio de rumbo, despois dunhas vendas escasas e unhas críticas pouco xenerosas cara o xogo. A versión para consolas estaba prevista para este mes.

O título non obtivo os resultados esperados na súa versión de PC.

 

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] rusa de decisións ao redor de Overkill’s The Walking Dead. Fai xusto sete días Sony dicía que o título fora cancelado. Logo 505 Games, a súa editora, dicía que non. Hoxe, Skybound Entertainment, posuidora dos […]