Canceladas as versións para Mac e Linux de Bloodstained: Ritual of the Night

Canceladas as versións para Mac e Linux de Bloodstained: Ritual of the Night

Bloodstained: Ritual of the Night é a nova aventura de Koji Igarashi, creador da saga Castlevania. O seu obxectivo non é outro que crear un videoxogo con sabor a pasado exquisito. Por desgraza, os usuarios de Mac e Linux xa non poderán gozar del: acábase de anunciar a súa cancelación nas devanditas plataformas.

O proxecto de Igarashi, que logrou saír adiante grazas ao financiamento colectivo, sufriu algún que outro atraso, pero, en xeral, o seu desenvolvemento avanza tal e como debería. Nunha actualización da súa páxina de Kickstarter, o estudo recoñece que a decisión tomada é “dura”, pero que se chegou a ela debido ás dificultades atopadas á hora de garantir o bo funcionamento das características en liña para ambas plataformas. Por suposto, os mecenas que solicitasen estas versións (Mac ou Linux) poderán cambialas a través dunha petición formal por correo electrónico.

Primeiro foi PS Vita quen dixo adeus

Estas non son as primeiras versións de Bloodstained que acaban por ver morrer o seu desenvolvemento. En agosto, o director xaponés desvelaba que a versión de PS Vita tampouco seguiría adiante. No seu momento, atribuíuse tal decisión ao aviso por parte de Sony de que non continuaría fabricando a súa máquina portátil.

Bloodstained: Ritual of the Night está a ser desenvolto e editado por Inti Creates, e agárdase o seu lanzamento ao longo do próximo 2019. Aterrará en Switch, PlayStation 4, Xbox One e PC. Contan co apoio de Wayforward, o equipo responsable de Shantae e da revisión de DuckTales.

 

 

 

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados