Cantas patacas necesitas para xogar DOOM? Xa hai resposta

Se houbo un xogo ao longo dos últimos anos ao que lle deu por aparecer e ser xogado nos sitios máis insospeitados do mundo, incluíndo un test de embarazo dixital ou unha neveira, ese foi DOOM. O orixinal, claro. A obra clásica foi obxecto de experimentos continuos coa intención de ser levada de xeito funcional a multitude de plataformas e sistemas.
A canle de Youtube Equalo quixo subir a aposta ao seguinte nivel. Si, xa se podía xogar DOOM nunha calculadora, pero… cantas patacas necesitariamos como fonte de enerxía? A resposta é simple: 45 quilogramos de tubérculos. O vídeo foi gañando visitas ao longo dos últimos días —conta con máis de 200 mil e foi publicado o 11 de outubro—, logo de que Kotaku informase da súa existencia.
O executor do experimento trata no vídeo de probar primeiro cunha Raspberry Pi, pero a enerxía non é suficiente para este dispositivo, así que decide empregar un obxecto que requirira algo menos de enerxía. O elixido foi unha calculadora TI–84. Ver para crer.