Capcom amosa os dentes no TGS
Dende Xapón, seguen chegando novas dalgúns dos títulos máis esperados pola comunidade. Sen dúbida, tanto Resident Evil 2 Remake coma Devil May Cry 5, ambos de Capcom, son dous deles.
Do primeiro podemos ver novas imaxes grazas a un adianto a modo de tráiler, que presenta e perfila a varias das personaxes que atoparemos na aventura. Así, en vez de centrarse nun gameplay de exploración ou similar, nesta ocasión vemos lixeiros apuntes da historia que contará Resident Evil 2 nesta “nova” visita a Raccon City.
Ao longo do xogo, teremos dúas historias en paralelo (que se tocarán por momentos, claro) a través dos ollos de Claire, que anda na procura do seu irmán Chris, e León, que investiga o acontecido na cidade na que ía traballar coma policía.
Pola contra, Devil May Cry 5 trae, ademais do trailer, novas capturas que amosan con detalle a volta de varios coñecidos clásicos da franquicia, e algún que outro novo, como é o caso do terceiro personaxe xogable, xunto a Nero e Dante.
Como é habitual en lanzamentos deste tipo, a compañía tamén comentou a posibilidade de adquirir o xogo cunha Deluxe Edition, que incluiría novas armas para o Devil Breaker de Nero. Entre elas está (flipade) o Mega Buster de Mega Man. Tamén permitirá a opción de cambiar as cinemáticas por vídeos de rodaxe, ou a opción de cambiar os temas musicais novidosos por doce pistas dos primeiros DmC, así como novas cores para as roupas e voces para as puntuacións.